Nota de prensa
PARA O BNG DE BARREIROS SON PRIORITARIOS OS SERVIZOS SOCIAIS. OS NACIONALISTAS PROPÓÑENSE CONSTRUIR O TAN ANUNCIADO CENTRO DE DÍA E LEVAR AS ACTIVIDADES DOS MAIORES ÁS PARROQUIAS.
Barreiros, 2 de maio de 2011. Máis de cen persoas asistiron ao acto de presentación da candidatura do BNG de Barreiros, que tivo lugar o venres pasado no centro sociocultural. Interviron: Camilo Friol, Ana Ermida, Fernando Blanco e Antonio Veiga.
Os asistentes puideron coñecer algunhas das liñas do programa dos nacionalistas que se divide en dez apartados: xestión municipal, economía e emprego, urbanismo, infraestructuras, zona rural, servizos sociais, cultura e deporte, mocidade e ensino, turismo e medio ambiente e democratización do Concello.
O candidato á alcalde e actual portavoz municipal do BNG, Antonio Veiga, fixo fincapé na necesidade de levar adiante unha xestión municipal rigorosa e tamén nos servizos sociais. Veiga Outeiro explicou que “dos 3.200 habitantes que ten Barreiros 1.100 son maiores de 65 anos. Para nós son prioritarios os servizos sociais e a atención á terceira idade”. No seu programa o Bloque Nacionalista de Barreiros propónse a construcción do centro de día “tan anunciado e prometido” e “levar ás parroquias as actividades que se fan só na capitalidade do concello”.