NOTA DE PRENSA
O BNG DE BARREIROS CREE QUE O ACTUAL ALCALDE ESTA A CONVERTIR O DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO NA OFICINA ELECTORAL DO PP.
O BNG DE BARREIROS NON VAI PERMITIR QUE CON CARTOS PÚBLICOS SE FINANCIE A CAMPAÑA ELECTORAL DO PP DE BARREIROS.
O BNG DI QUE O ACTUAL ALCALDE MANIPULA AOS XUBILADOS EN LUGAR DE DARLLES SERVIZOS, E CALIFICA ESTE ACTITUDE DO PP DE ESCÁNDALO E VERGOÑA.
Cando ainda hai xente nas listas de espera para o servizo de axuda no fogar, cando ainda hai xente en listas de espera para a aplicación da lei de dependencia, cando Barreiros ainda non dispón de centro de día, tantas veces prometido polo PP, non é de recibo o trato que o Partido Popular lle está a dar aos nosos maiores, considerandoos mercadoría electoral.
Barreiros é un concello de 3.200 habitantes donde 1.100 deles tenen mais de 65 anos, e curiosamente en plena campaña electoral reciben unha carta do alcalde convidándoos a un xantar do Partido Popular no Pavillón de Deportes Municipal o próximo día 15 no que tamén estará un alto cargo do Partido Popular, o Conselleiro da Presidencia Sr. Rueda.
Resulta chamativo que o tipo de letra do encabezamento da carta donde aparece o enderezo do convidado sexa o mesmo tipo de letra que aparece habitualmente nas cartas que desde a área de Servizos Sociais se emprega para convidar aos maiores ao xantar institucional que o concello ofrece á tereceira idade. Pode pensarse pois que a base de datos do Departamento de Servizos Sociais puido ser utilizada polo PP, ou sexa, que con cartos públicos se lle fai a campaña electoral ao PP desde o concello.
Para o BNG nada de isto é casual, pois consideran os nacionalistas que isto non é mais ca unha burda manipulación da boa vontade dos xubilados e xubiladas do concello, tratando de confundilos para que perciban este acto coma un acto institucional, cando é claramente un acto mais da campaña electoral do PP, pois moitos xubilados estiveron dirixíndose estes días á oficina de Servizos Sociais do concello para apuntarse para o mencionado xantar, pensando que a convocatoria a facía o concello, cando realmente a fai o PP.
Para o BNG é de auténtica vergoña esta actitude do actual alcalde de Barreiros (xa fixera algo semellante na campaña das pasadas eleccións autonómicas) utilizando aos nosos maiores electoralmente, meténdoos en autobuses (pois o convite inclúe tamén servizo de transporte desde as diferentes parroquias) para acudir a un mítin do PP, e utilizando referentes e resortes institucionais para a convocatoria.
Desde o BNG piden respeto para as persoas maiores e que non se xogue con eles cando pola contra, ainda carecen de moitos servizos.
Así mesmo o BNG esixirá que se aclare como vai ser o financiamento deste xantar tendo en conta que aparece a institución municipal polo medio. O BNG non vai permitir que con cartos públicos se financie a campaña do PPxa que neste caso dos xantares-mitin chove sobre mollado porque hai que recordar que nas pasadas eleccións autonómicas o PP e o alcalde de Barreiros seguiron o mesmo modus operandi ca neste caso que nos ocupa, cando organizaran un xantar mitín con Rajoy , xantar mitín cuxo custo e forma de pago foi denunciado (e non polo BNG) no xulgado de Mondoñedo no seu día para que se abrise a correspondente investigación.
O BNG de Barreiros nunca estivo en contra dos xantares institucionais anuais que desde o concello se preparan para os maiores, pero co que non está de acordo é con que desde a alcaldía se intente disfrazar como un acto institucional para enganar á xente o que realmente é un acto electoral e partidario, e o que é mais grave: coa bendición dun cargo da Xunta: o Sr. Rueda.