Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros agradece os apoios recibidos e di que terá como guía de traballo o programa electoral

Nota de prensa

O BNG DE BARREIROS TERÁ COMO GUÍA DE TRABALLO NOS VINDEIROS MESES O PROGRAMA ELECTORAL QUE PRESENTOU E DEU A COÑECER A TODOS OS VECIÑOS E VECIÑAS DO CONCELLO. OS NACIONALISTAS AGRADECEN OS APOIOS RECIBIDOS ONTE.

Barreiros, 23 de maio de 2011. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros agradece aos barreirenses os apoios recibidos o pasado domingo, aínda que fosen insuficientes para iniciar o cambio que tanto precisa Barreiros.
Desde o Consello Local do BNG aseguran que “unha vez pasadas as eleccións, toca seguir traballando e o BNG terá como guía do seu traballo o programa electoral que presentou a estas eleccións e que é tamén un compromiso cos veciños e veciñas de Barreiros. Un programa que foi dado a coñecer en público e que todos os veciños e veciñas teñen nas súas casas. Pola contra, o partido que vai ostentar o goberno en Barreiros nin siquera presentou programa electoral, do que se deduce que a súa liña de actuación vai ser, coma sempre, a improvisación, coas nefastas consecuencias que iso lle trouxo a este concello”.
Os nacionalistas subliñan que “o PP de Barreiros nestas eleccións adicóuse exclusivamente a carrexar votos, mentras que o BNG foi quen aportou as ideas e as propostas”. E engaden que “o feito de que o PP de Barreiros se adicara únicamente a carrexar votos non é un caso único e aillado do noso concello, senón que é tamén a liña que seguiu o PP na comarca xa que o seu obxectivo non era gobernar concellos para mellorar o benestar das persoas, o obxectivo do PP era carrexar votos a toda costa para volveren a Deputación a practicar o que mellor souberon facer cando a gobernaron: discriminacións e nepotismo”.
Desde o Consello Local do BNG de Barreiros manifestan que “afortunadamente para a democracia e para a comarca da Mariña, o BNG e os cidadáns, exercendo libremente o seu dereito a voto, impedíronlle o paso ao PP no seu intento de regresar ao pasado. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros seguirá  traballando por este concello e poñendo os intereses das persoas por enriba dos intereses electorais”.

Exit mobile version