Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA ACUSA AO ALCALDE DE RECURRIR AO INSULTO, Á MENTIRA E Á DIFAMACIÓN CANDO FALA DAS ANTIGAS ESCOLAS DE SAN MIGUEL. O PORTAVOZ DO BNG LEMBRA QUE NO PLENO DE ABRIL DA DEPUTACIÓN FOI APROBADA UNHA PARTIDA DE 200.000 EUROS PARA A SÚA RECUPERACIÓN.
Barreiros, 20 de maio de 2011. O portavoz do BNG no Concello de Barreiros e candidato á alcaldía, Antonio Veiga, acusa ao rexedor de recurrir ao insulto, á mentira e á difamación cando fala das antigas escolas de San Miguel. O edil nacionalista lembra que no pleno de abril da Deputación foi aprobada unha consignación de 200.000 euros para facer esa obra e que onte a institución provincial e o Concello puxéronse a traballar para asinar o convenio correspondente.
Veiga Outeiro manifestou que “as últimas declaracións do señor Alfonso Fuente prodúcenos por un lado estupor, pero por outro estamos acostumados ás súas mentiras e ás súas difamacións. Isto amosa o estado de nervosismo no que se atopa unha persoa que durante toda esta lexislatura pasou máis tempo no xulgado de Mondoñedo que atendendo ao Concello. Entendemos que estea estresado e nervoso e que recurra ao insulto, á mentira e á difamación”.
O portavoz do BNG e deputado provincial subliñou que “claro que hai 200.000 euros consignados para o arranxo das antigas escolas de San Miguel de Reinante. No pleno de abril na Deputación se aprobaron dez ou doce proxectos de rehabilitación de edificios singulares, entre os que se atopaban as escolas de San Miguel. Algo que saiu adiante co voto a favor do goberno da Deputación, era unha proposta realizada polo BNG, e coa abstención dos deputados do PP. Alfonso Fuente terá que preguntarlles aos deputados que ten alí por qué non lle apoian unha inversión para Barreiros. Algo saberá diso o señor Fuente Parga”.
Antonio Veiga considera que “quen ten que pedir disculpas non só aos veciños de San Miguel senón ao resto dos veciños do concello é o mentiroso Alfonso Fuente. Se non ten nada que ofrecer porque nada fixo durante catro anos que cale a boquiña, pero os veciños de San Miguel sábeno perfectamente. A Xunta directiva da asociación de veciños sabe perfectamente que eses cartos están consignados e que ese convenio se vai efectivizar. É curioso porque este xoves funcionarios da Deputación se puxeron en contacto con funcionarios do Concello de Barreiros para iniciar os trámites de cara á realización do convenio. Desde logo é moi triste que un alcalde sabendo todo iso minta aos veciños e trate de enganalos o último día da campaña electoral. Si esa é a campaña do PP imos amañados”. O candidato á alcaldía do BNG lembrou que “dito convenio xa puido estar firmado hai tempo, pero había o problema da titularidade das escolas e foi o PP o que retrasou todos estes trámites, en concreto a concelleira de Cultura e tamén o alcalde. Eles son os culpables do retraso”.
Veiga Outeiro engadiu “que estean tranquilos os veciños de San Miguel porque todo o que prometeu o Bloque Nacionalista Galego para o concello de Barreiros se está a cumprir, pero o PP non pode dicir o mesmo por iso o PP e Alfonso Fuente se adican o último día a contar mentiras, a difamar e a calumniar. Ese é o resumo do traballo feito por este desgraciadamente alcalde que houbo durante estes no Concello de Barreiros. Agardamos que o próximos domingo lle rematen as súas mentiras, as súas difamacións e as súas calumnias”.