Nota de prensa:
ALFONSO FUENTE TILDOU COMA UN DÍA FELIZ E COMA UNHA BOA NOVA A POSTA EN MARCHA DO PARQUE COMARCAL DE BOMBEIROS. LEMBROU O RETRASO CO QUE SE ABRIU E O TRABALLO REALIZADO POR MANUEL DÍAZ SAMPEDRO.
Barreiros, 2 de maio de 2011. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, tildou coma un día feliz e coma unha boa nova a posta en marcha do parque comarcal de bombeiros, lembrou o retraso co que se abriu e tamén o axeitado de decisión adoptada no seu día por Manuel Díaz Sampedro.
O rexedor explicou que “desde onte ás oito da mañá xa contamos co servizo de bombeiros en funcionamiento para calquera emerxencia que poida xurdir. Esta posta en marcha é unha boa nova porque lle afectará non só ao noso concello senón a concellos limítrofes”. Fuente Parga aproveitou para felicitar “aos rapaces do noso concello que optaron a esas prazas e que conseguiron eses postos de traballo para atender aos seus veciños”.
O alcalde quixo lembrar e recoñeceu que “ás veces se toman decisións desde a alcaldía difíciles de facer chegar aos veciños, difíciles de trasladar, pero o que está claro é que nós tomamos decisións para favorecer aos veciños do concello. Este parque de bombeiros veu precedido da decisión que adoptou no seu día Manuel Díaz Sampedro traendo para Barreiros a ecoplanta cando ninguén a quería nos seus concellos. O que supuxo foi unha minoración de costes no transporte do lixo ao estar aquí e pola contra non supuxo nin cheiros nin verquidos, pasa desapercibida totalmente e a cambio Díaz Sampedro pediu o apoio ao resto dos alcaldes para que tamén viñera para Barreiros o parque de bombeiros”.
Fuente Parga subliñou que “o parque é finalmente unha realidade, tardóuse bastantes anos en poñer en funcionando e ás veces os políticos deberíamos facer unha reflexión sobre esta cuestión. Benvido sexa, agora quizáis xa non nos acordamos dese tempo, pero hai que lembrar tamén estas cousas. Naquel momento se tomou esa decisión que resultou moi acertada, a pesares de que cando se admitiu a ecoplanta en Barreiros Díaz Sampedro fose criticado. Eso hai que recoñecelo e por eso moitas veces lles pido aos veciños serenidade e comprensión, porque cando se toman estas decisións fáise en favor dos veciños”. E engadiu que “poder ter un parque de bombeiros a uns minutos das nosas cosas supón danos menores nos inmobles ou incluso que se poidan salvar as persoas ao ter unha intervención axeitada, con medios e moi rápida. Ata o de agora eses traballos víñaos facendo Protección Civil e con escasez de medios, agora teñen todos os medios e ojalá, como decimos sempre, non se teñan que utilizar nunca, pero si hai que empregalo aí están”.
A posta en marcha do parque comarcal de bombeiros suporán, segundo o alcalde, “un abaratamento dos costes para os veciños de Barreiros, todas as naves que ubican no polígono e incluso as vivendas teñen unha reducción no seguro dos inmobles polo feito de contar cun parque de bombeiros no concello. Esa tamén é unha mellora que se percibe por parte dos veciños”. Fuente Parga manifestou que “logo pouco a pouco o que iremos pedindo é que se vaian implementando máis servizos, que estes parques tanto o de Viveiro como o de Barreiros poidan ir mellorando e adquirindo equipos para actuar na costa, no mar ou incluso nos ríos. Hoxe é un día feliz”.