Nota de prensa
Máis de 400 persoas gozaron da Festa das Letras organizada polo BNG de Foz
Basanta declarou que “o BNG desde o Concello poñerá esta data no calendario como un día de festa e de reivindicación aberto a todos os veciños e veciñas de Foz”
O programa deste acto comezou cun espectáculo de maxia para os máis cativos, a cargo dos magos de Burela “Pi e Senin” que puxeron en cea, trucos do seu repertorio habitual con novos trucos que sorprenderon aos cativos e non tan cativos. Despois procedeuse a proxección de “Riquezas Lucenses”, que dado o interese da xente houbo que facer dous pases, un documental que recolle os traballos da pesca e da conserva en Foz en 1946, centrados na empresa “Dalo”. A par da programación cultural prevista para esta xornada festiva pero tamén de reivindicación, o acto tivo un compoñente gastronómico coa Chourizada e Torrezmada popular, ao acudiron moitas persoas que disfrutaron ao mesmo tempo das actuacións de grupos tradicionais como, “Tumba e Dalle”, o “Grupo da Pomba do Arco” e “Músicos da Subela” que interpretaron diferentes temas e que fixeron do campo da Cabana un espacio para a foliada e a festa. O feito de escoller dous productos da terra, pretende valorizar tamén ese aspecto rural de Foz, na medida que na festa da Patria que celebramos en Xullo o producto é o chicharro lañado, tan ligado neste caso ao mar.
Xoán Carlos G. Basanta destacou que “queremos aproveita esta data para que sexa un pequeno espello do moito que se está a facer no mundo da cultura así como poñer en valor un elemento que é noso pero que ao mesmo tempo nos fai universais como é o idioma propio, un idioma que non ten máis dereito que ningún outro, pero que aínda a día de hoxe é víctima de persecución e segue apartado do espacio público”. E apuntalou que “o BNG desde o Concello poñerá esta data no calendario como un día de festa e de reivindicación aberto a todos os veciños e veciñas de Foz porque temos a sorte de conservar aínda o uso normalizado do noso idioma”
O candidato do BNG a Alcaldía de Foz indicou que “non é casual a elección do espacio para este acto, no corazón do Foz mariñeiro, un espacio que segue a conservar parte da identidade de Foz que as políticas urbanísticas dos últimos anos están a eliminar, e que nos temos claro que compre preservar. Pero tamén un espacio que recolle unha das páxinas máis substantivas da nosa historia e mesmo que mellor nos define, como pobo mariñeiro, traballador e embornado ao mar. Compre poñer en valor o noso pasado, preservar o que fomos, restaurar a nosa dignidade, para querernos e recuperar a autoestima”. Xa por último Basanta agradeceu a todos os veciños e veciñas que compartiron esta xornada con nós o bo ambiente que se formou.