Nota de prensa:
JOSÉ RAMÓN GONZÁLEZ CASAS E A XUNTA DIRECTIVA LARANXA AGRADECEN O LABOR DO BURELA FS
Despois da nosa eliminación do play off de ascenso á máxima categoría en Gáldar, como presidente do CD Burela FS teño que agradecerlles aos xogadores a entrega absoluta ata o último alento da fase. Valeu a pena facer unha viaxe esgotadora representando o club ao carón do noso equipo nas illas. Si señor, valeu a pena!
Coas baixas de Edu, Christian e Cachón e a expulsión de Ique, o equipo deu todo o que tiña na pista. Baleiráronse. Foron dignos representantes do Burela FS. Comprázome do espírito e orgullo desta escuadra, dúas calidades que fan grande a un club. As bágoas no vestiario ao remate do encontro referendaron a frustración de non acadar un obxectivo merecido con base no esforzo investido. Pero esta é a inxustiza que ás veces toca no deporte.
Debo agradecer unha vez máis a xogadores, patrocinadores e colaboradores, institucións públicas e moi especialmente á afección, sen esquecer o corpo tecnico, o esforzo demostrado ao longo da tempada, no nome da directiva deste club e no meu mesmo.
Comezaremos a próxima andaina con enerxías renovadas e con ilusión. Non puido ser, pero volveremos intentalo. E se tropezamos, tentáremolo de novo porque A Mariña e o CD Burela FS coñecen moi ben como vivir e vibrar co espectáculo futbolístico. Só podo pedir que o que vin hoxe sexa o que o Burela FS poida e saiba brindar á súa afección cada vez que saia á pista.
Non quero rematar sen convidar a todos/as os afeccionados/as ao fútbol sala a visitar Burela para deleitarse coa elite deste deporte entre o 3 e o 5 de xuño, na XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino. Vémonos en Vista Alegre!