Nota de prensa:
ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A XERACIÓN E MADURACIÓN DE NOVAS IDEAS EMPRESARIAIS EN LUGO A TRAVÉS DUN SEMINARIO DE BIC GALICIA
Dirixido a persoas con motivación e predisposición para xerar ideas empresariais e iniciar así o proceso de maduración e posterior implantación dunha nova iniciativa empresarial
O seminario terá continuidade en xuño, cando a Consellería que dirixe Javier Guerra promoverá en Lugo un curso orientado a facilitar a creación de novas empresas
Lugo, 1 de maio de 2011.- Facilitar a xeración e maduración de novas ideas empresariais na provincia de Lugo é o obxectivo do seminario que promove a Consellería de Economía e Industria e que organiza e imparte a sociedade BIC Galicia contando coa colaboración da Cámara de Comercio e da Asociación Impulsora do Plan Lugo.
Na apertura deste encontro formativo, que comezará a desenvolverse mañá luns, día 2 de maio, ás 16 horas, nas aulas de formación que ten a Cámara de Comercio de Lugo no Edificio Forcam, participará a directora da sociedade do Igape BIC Galicia, Maite Cancelo. O encontro terá continuidade en xuño, cando a Consellería de Economía e Industria promoverá, tamén en Lugo, un curso para a creación de empresas.
No marco das actividades do Plan de competitividade de Lugo, ponse en marcha este seminario de Xeración e Maduración de Ideas, unha acción promovida desde BIC Galicia que ten carácter gratuíto para os participantes e que busca durante varias xornadas lectivas ensinar as nocións básicas para a xeración ou maduración de ideas empresariais.
O curso, que se desenvolverá durante este mes de maio, en tres sesións, está dirixido a aquelas persoas cunha motivación e predisposición para xerar e impulsar ideas empresariais e iniciar así o proceso de cara a súa maduración e posterior implantación dunha nova iniciativa empresarial.
O seminario de xeración e maduración de ideas empresariais é ferramenta de formación mixta que ten como obxectivo procurar que o emprendedor poida xerar, madurar e avaliar unha idea de negocio. Deste xeito, o novo emprendedor pode madurar a súa idea para convertela nunha iniciativa empresarial e realizar unha primeira aproximación á viabilidade económica do proxecto e do seu potencial como futura empresa.
BIC Galicia e a Cámara de Comercio de Lugo veñen colaborando desde hai varios anos en actividades para o apoio e a creación de novos negocios. Neste sentido, ambas as dúas entidades colaboraron na posta en marcha e desenvolvemento de varios seminarios dirixidos a emprendedores e microempresas de recente creación, obtendo sempre resultados moi positivos.