Site icon Crónica3.com A Mariña

Dulce derrota do bipartito burelés

Se non lembro mal foi Felipe González no 1996 o que etiquetou o resultado das eleccións, naquel caso xerais, como unha “dulce derrota”. Este calificativo tamén se lle podería aplicar a do pasado domingo, no que o actual goberno municipal de Burela, perdeu por unha escasa marxe, o goberno que pasará ao PP por nove votos. Votos que lle darían ao BNG o seu segundo concelleiro en perxuicio do sétimo do PP. Así a bote pronto poderíamos lembrar que casos parecidos foron a derrota do goberno de Laxe na Xunta no 1987, ou a máis recente do bipartito PSOE-BNG na Xunta de Galicia no 2009 que fixo que o goberno de Touriño lle dera paso ao de Feixóo.

Aínda que poida que nestes casos perder o poder parece que é menos perda, a realidade dinos que algunhas destas “dulces derrotas” se converteron en longas derrotas, é fácil recordar que a de Laxe deixou paso a 16 anos de goberno de Fraga, outras aínda non podemos saber canto van durar coma a de Touriño na Xunta de Galicia.

A vixente lei electoral reparte os escanos pola coñecida lei de Hont, non é o intre de cuestionar este reparto, pero si podemos constatar que ás veces dez electores, coma neste caso, deciden máis que os outro preto de cinco mil votantes, dous de cada mil electores decidiron neste caso que ao longo dos próximos catro anos en Burela esteñamos rexidos polo partido popular e non por un novo bipartito. Neste intre tamén sería interesante reseñar que o partido popular de Burela nas tres últimas municipais, 2003, 2007 e 2011 con menos do 50% dos votos dos bureleses gobernou no 2003 e no 2011. Debemos recoñecer que a parte de outras consideracións o PP burelés ten moita sorte no reparto de concelleiros. Podendo tamén constatar como, a pesar de que se poida pensar o contrario, que os bureleses temos tendencia a votar centro-esquerda.

Para tentar analizar as causas deste cambio de goberno habería que facer referencia a múltiples circunstancias, pero neste caso non pretendo analizar as causas, senón ver as consecuencias que poida ter para o futuro. Algo fallou no goberno e na oposición destes últimos catro anos para que o PSOE non aumentase o número de votantes, o BNG perdese 120, mentres o PP mantivo os de 2007 cun mínimo incremento. Non se cumpriu, neste caso, aquel aforismo de Paco Vázquez exalcalde de A Coruña cando decía “compañeros es verdad que el poder desgasta, pero más desgasta al que no lo tiene”. Neste intre o desgaste foi para o goberno e a oposición mantívose.

Analizando os resultados electorais das tres últimas eleccións municipais, ás que máis arriba facía referencia, podemos constatar que a variación no número de votantes foi moi escasa, o PP tivo en 2003, 56 votos menos que a oposición, no 2007 a diferencia a favor do bipartito foi de 275 e nas do pasado domingo foi de 174 a favor da futura oposición. A esto temos que engadirlle que nestas últimas eleccións hai en Burela uns 300 votos entre blancos e nulos, moitos máis do que é habitual, que darian un concelleiro máis a calquera dos partidos da futura oposición. Porque me parece que está claro que estes votos son dos partidos de esquerda. Así que basta que 70 ou 80 electores cambien de opinión para poder cambiar o signo do goberno, misión que aínda que sexa difícil non parece imposible.

A vista destes datos o que cabe é que os partidos da oposición non se deixen levar polo pesimismo, senón todo o contrario, é preciso facer unha sólida labor de oposición, sacar a luz pública todas as contradicións do Partido Popular, que seguro que haberá moitas, posto que, crearon expectativas que dificilmente poderán levar a práctica, sobre todo no momento de crise actual. Estou plenamente convencido que se se é capaz de facer unha oposición seria, constructiva, sin que faiga falta lanzar nin insultos nin improperios aos que por desgracia estamos acostumados. Se esto é realidade dentro de catro anos volverá a haber en Burela un goberno de centro- esquerda, propiciando asi unha alternancia política que lle dá credibilidade ao sistema político que temos.

Pedro Chao Polo

Exit mobile version