Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura prevé “frear o deterioro e restaurar, rehabilitar e acondicionar” o pazo de Tovar en Lourenzá

Nota de prensa

REY PICHEL PRESENTA A REHABILITACIÓN DO PAZO DE TOVAR EN LOURENZÁ COMO “UN EXEMPLO DO COMPROMISO DA XUNTA DE GALICIA CO PATRIMONIO DA NOSA TERRA”

Na clausura das xornadas ‘Os pazos: tempos e espazos vistos dende Tovar’ celebradas no concello de Lourenzá, o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, lembrou que a actuación prevista pola Consellería de Cultura e Turismo servirá para “frear o deterioro e restaurar, rehabilitar e acondicionar o monumento”.
Segundo o convenio asinado no mes de marzo co Concello de Lourenzá, a Consellería de Cultura e Turismo destinará 315.000 euros, repartidos en tres anualidades, para acometer a rehabilitación deste Ben de Interese Cultural.

Lourenzá (Lugo), 8 de maio de 2011.- O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, clausurou esta mañá en Lourenzá as xornadas ‘Os pazos: tempos e espazos vistos dende Tovar’, organizadas polo Grupo de Investigación A cultura dos pazos en Galicia. O pazo de Tovar coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Lourenzá. Na súa intervención, o director xeral destacou a importancia do convenio asinado no mes de marzo entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lourenzá para a realización das obras de consolidación e acondicionamento do Pazo Fortaleza de Tovar como “un exemplo do compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio da nosa terra”.

Segundo o convenio firmado o pasado mes de marzo, a Consellería de Cultura e Turismo destinará 315.000 euros, repartidos en tres anualidades, para a rehabilitación deste Ben de Interese Cultural. José Manuel Rey Pichel asegurou que, deste xeito, “temos actuado para frear o deterioro e restaurar, rehabilitar e acondicionar o monumento”. Neste sentido, Rey Pichel afirmou que desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “somos conscientes da importancia que en xeral teñen estas históricas edificacións para o patrimonio galego” e sinalou como “un gran número deles integra a lista de bens declarados de Interese Cultural”.

En virtude do convenio asinado, as actuacións que levará a cabo a Consellería de Cultura e Turismo na Fortaleza de Tovar consisten principalmente na desmontaxe e acopio de material de cubrición para a súa reutilización; a rehabilitación dos sistemas estruturais de madeira de cuberta e forxados intermedios; e a consolidación e reparación en muros con retirada de vexetación. Asemade, tamén se realizarán a instalación eléctrica e iluminación básica; labores de carpinterías e reparacións en fiestras e portas e se acondicionará o contorno.

A Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lourenzá deseñarán un itinerario para as visitas públicas á Fortaleza que, en todo caso, deberá determinarse en función das posibilidades e a seguridade do propio inmoble e excluíndo aquelas dependencias ligadas de xeito exclusivo ao uso e funcionamento interno. O obxectivo desta actuación é garantir que o Pazo de Tovar poida ser visitado con normalidade e difundir a súa singularidade e riqueza arquitectónica, contribuíndo ademais á dinamización cultural e turística da comarca.

A Fortaleza de Tovar foi declarada Ben de Interese Cultural en 1949, coa categoría de monumento, pola súa natureza de castelo e edificación fortificada. Data da primeira metade do século XVI e foi levantada por Don Antonio de Tovar, home de confianza do emperador Carlos V, no mesmo lugar onde se situaba a Torre de Canedo do século XIII. Trátase dunha xoia do gótico isabelino e dun Ben de Interese Cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do Norte). A súa posta en valor enriquecerá aínda máis esta ruta xacobea. En palabras do director xeral do Patrimonio Cultural, o Pazo de Tovar constitúe un “impresionante testemuño da Galicia dos albores da Idade Moderna”. “Despois de cinco séculos, segue exhibindo a súa maxestade e as súas especiais características encadradas dentro do gótico isabelino”, apuntou.

Investigación e posta en valor

Respecto á celebración destas xornadas, o director xeral manifestou que “supoñen unha grande axuda á investigación, á promoción e á posta en valor non só do Pazo de Tovar, senón de toda a cultura pacega, tan propia de Galicia”. A iniciativa, celebrada desde onte na Casa da Cultura de Vilanova de Lourenzá, axuda “a acrecentar o coñecemento sobre un patrimonio tan característico de Galicia como os Pazos”.

Para Rey Pichel, “o estudo dos pazos supón un afondamento na evolución histórica, económica, social, cultural e artística de Galicia nos últimos cincocentos anos”. “A partir do século XVI convértense nun dos referentes arquitectónicos da nosa terra”, engadiu. O director xeral do Patrimonio Cultural ligou a historia dos pazos á arraigada tradición galega establecendo que “a literatura feita por autores galegos está chea de alusións á vida pacega ou directamente inspirada nela, desde Pardo Bazán, ata Otero Pedrayo ou Valle Inclán

Exit mobile version