Site icon Crónica3.com A Mariña

As quendas e Piñeiro

As quendas e Piñeiro

O día 29 do pasado abril, tivemos a gozosa oportunidade de asistir a un fermoso acto cultural: o pregón da feira das Quendas que pronunciou o profesor, escritor, poeta, conferenciante, dramaturgo, investigador, promotor artístico e cultural de variados rexistros, e aínda mais, todo nunha peza, o mindoniense Francisco Piñeiro González. Co fermoso auditorio atestado de público, o pregoeiro, que domina o entramado teatral, e polo tanto coñece ben as formas da posta en escena, para comezar, creou un ambiente de “suspense”, ao aparecer no escenario rachando coa formalidade e a encorsetada maneira tradicional de facelo, dando lugar á lóxica expectactiva, que non puido ter mais feliz desenlace. Paco Piñeiro, fiel ao seu talante de persoa modesta, entrañable, próxima ás xentes, agarimosa, amosouse de tal guisa, entablando un monólogo que, en ocasións, foi interrumpido polos aplausos, e a través do que, de forma sinxela, coloquial e mesmo íntima, con leves rasgos de emotividade, demostrou a súa intelixencia, cultura, retranca, sentido do humor, e tamén unha actitude crítica, sen acritude, enxeñosa. A lembranza da infancia labrega; a descripción de diversos episodios da mesma, dende a inxenuidade, propia dos tempos, e dos poucos anos, engaiolaron ós oíntes que a cotío amosaron a compracencia por escoitar, e seguir, unha disertación que, sen dúbida, quedará por moito tempo no recordo dos presentes. Lembrado o pasado, Piñeiro voltou á realidade de hoxe e exhortou ós mindoniense, residentes e trasterrados, á loita solidaria por lograr que a histórica cidade recupere o pasado esplendor: esperanza que compartimos, pois de xoia tal, participamos, cando menos, tódolos mariñáns. Paco Piñeiro deixou descritas, con rasgos indelebles, as capacidades que atesoura tan singular persoeiro: a bondade, o traballo e a intelixencia; o altruismo e a xenerosidade, a solidaridade e o amor á terra e ás xúas xentes. Todo iso adobado cunha cultura universal; alguen dixo del, para definilo, que “trátase do Leonardo da Vinci mindoniense”.¡ Parabéns!

Suso Fernández

Exit mobile version