Nota de prensa
A DELEGACIÓN DE DEPORTES ORGANIZA UNHA VIAXE AO PARQUE ACUÁTICO DE CERCEDA PARA POÑER PUNTO FINAL Á TEMPADA 2010-11 DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS. SERÁ O 11 DE XUÑO. O PRAZO DE INSCRICIÓN XA ESTÁ ABERTO.
Burela, 20 de maio de 2011. A Delegación de Deportes organiza unha viaxe ao parque acuático de Cerceda para poñer punto final á tempada 2010-11 das Escolas Deportivas Municipais. A excursión será o 11 de xuño e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro venres, segundo daba a coñecer esta mañá a concelleira Neves Cando.
A edil nacionalista subliñou que “dende a Delegación de Deportes e como remate das actividades das Escolas Deportivas Municipais de Burela 2010-11, queremos ofrecerlles a tod@s @s nos@s alumn@s unha viaxe á festa de inauguración da tempada 2011 do parque acuático de Cerceda o vindeiro sábado día 11de xuño”.
O prezo desta actividade é de 12 euros e inclúe a entrada ao Aquapark + animación + comida + merenda. A saída será ás 10 de mañá (da estación de autobuses) e a chegada a Burela será sobre as 22 horas.
Neves Cando explicou que “esta actividade vai dirixida a nen@s maiores de 8 anos, pero tod@s aquel@s nen@s menores de 8 anos que queiran asistir poderán facelo levando unha persoa maior que se faga responsable del@s”.
O número mínimo de participantes para poder levar a cabo esta actividade será de 20 persoas. O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 3 de xuño. Aquel@s nen@s que desexen participar deberán formalizar a súa inscrición na Casa do Concello ou ben con calquera dos monitores das Escolas Deportivas.