Nota de prensa
O BNG de Xove continúa a campaña unha semana despois das eleccións
Varios afiliados e colaboradores do BNG de Xove, encabezados polos concelleiros electos Marco López e Xosé Hermida, percorreron entre a tarde de onte (venres) e a mañá de hoxe (sábado) todo o concello co obxectivo de retirarque utilizaron na promoción da súa candidatura á alcaldía de Xove. A intención do Bloque xovense é a de pechar a campaña electoral cun acto que quere ser orixinal á vez que ecolóxico.
Desde a formación nacionalista sinalaron que esta é unha maneira máis de amosar a súa disposición a “facer de Xove un concello atractivo” e evitar, deste xeito, que os carteis electorais do seu partido se manteñan “varios meses, e incluso anos, pegados nos muros”. Marco López manifestou que no Bloque xovense “estamos comprometidos cos valores medioambientais e estéticos” e sinalou tamén que “igual que os colocamos, pensamos que é de xustiza retiralos”.
Nesta mesma liña Xosé Hermida dixo que teñen pensado levar a pleno unha iniciativa para que sexa a propia Administración local a que “habilite paneis en todas as parroquias onde poder colocar a propaganda electoral en futuros comicios” co obxectivo de evitar a “pegada indiscriminada” de carteis. Hermida declarou a intención do BNG de “facer de Xove un concello modelo co apoio de todos os grupos políticos”.
Marco López finalizou asegurando que “nós somos conscientes de que as eleccións non se gañan ou se perden polos carteis que poidamos pegar, senón que os cidadáns acábannos xulgando pola nosa iniciativa e polo traballo que desenvolvemos durante catro anos de lexislatura”.