ADEGA e Proxecto Ríos comprometidos coa loita contra as especies exóticas invasoras
Estes días ADEGA e o Proxecto Ríos estamos en participar en diversos foros sobre a problemática das especies exóticas invasoras (EEI). Este venres 13 de maio estaremos na I Reunión Ibérica sobre Plantas Invasoras que se celebra na Universidade de Vigo con varios relatorios e nun Obradoiro de recoñecemento de EEI no CIUDEN (“Ciudad de la Energía”) de Ponferrada, onde achegaremos aos participantes do Proxecto Rios do Bierzo-Laciana a metodoloxía para a identificación da flora exótica invasora posta en práctica por ADEGA no río Sil.
A introducción das EEI é despois da destrucción dos hábitats, a ameaza máis importante para a a conservación da biodiversidade segundo a UICN, especialmente para as especies autóctonas e en perigo de extinción.
Preséntase como un problema silencioso, pouco espectacular comparado cun mimosa_1.pngverquido nun río ou no mar, pero igual ou máis pernicioso a longo prazo. As invasións ademais de afectar a biodiversidade, poden incidir nas actividades económicas e mesmo algunhas especies na saúde humana.
A erradicación de exóticas invasoras adoita ser moi complicada e ás veces non hai garantía de éxito. A mellor acción é, xa que logo, a prevención: tentando evitar novas invasións, estudando os efectos sobre o medio das xa existentes, detectando puntos sensíbeis edivulgando a problemática entre a sociedade con campañas de educación ambiental dirixidas a concienciar á cidadanía así como a sectores específicos, etc.
Por todo isto, dende ADEGA e o Proxecto Ríos levamos varios anos prestándolle especial importancia á problematica das especies exóticas invasoras, realizando actividades de divulgación, educación e voluntariado ambiental (Campos do Tea, Proxecto Corna, Móllate polos Humidais, entre outras) que nos permiten achegar e concienciar á cidadanía sobre esta problemática.