22 de maio, Día Mundial da Biodiversidade: a biodiversidade galega, máis ameazada que nunca
Na Galiza os bosques supoñen un 70% da superficie do país. No entanto, só un 2% é monte público, ao que lei le asigna un obxectivo de conservación. E na franxa litoral, o eucaplipto e o piñeiro ocupan o 99% do bosque costeiro, conservándose apenas o 1% de bosque autóctono, localizado en fragas moi fragmentadas e nas ribeiras dos ríos.
As recentes modificacións da Lei do Solo introducidas polo PP (mudou a consideración dos MVMC de rústico de protección forestal a ordinaria); as SOFOR (Sociedades de Xestión Forestal) van a permitir a entrada de capital privado no monte con obxectivos claramente especuladores; albíscase unha nova vaga eucaliptizadora coa escusa dos cultivos enerxéticos; a Lei Eólica reduciu a capacidade de decisión dos propietarios entregándolle o monte ás empresas e o concurso eólico está a redobrar o asalto a hábitats de interese, especies protexidas, paisaxes singulares e patrimonio arqueolóxico. Debúxase pois a un futuro incerto, por non dicir pésimo, para a biodiversidade das nosas florestas.
Fronte a esta situación, froito da parálise en conservación e das políticas depredadoras da Xunta, as entidades ecoloxistas temos que asumir a responsabilidade da conservación da biodiversidade galega. Nestas semanas, levaremos adiante unha batería de iniciativas:
-Este sábado 21 de maio, cunha xornada sobre a biodiversidade fluvial na Eira da Xoana.
-A fin de semana do 28 e 29 de maio, cunha nova edición do campamento de voluntariado ambiental do río Tea, para a erradicación das especies exóticas e invasoras.
-Na primeira semana de xuño, cunha nova xeira do proxecto Corna para a recuperación da píllara das dunas.
-O día 4 de xuño coas xornadas “O monte, oportunidade sustentable fronte á crise”, en Melide.
-E colaborando en proxectos para avaliar o estado de especies emblemáticas da biodiversidade ibérica coma a rata de auga ou o moucho.
Alén destas actividades, ADEGA vai iniciar unha campaña de adquisición de terras para preservar hábitats en regresión e promover entre os propietarios as figuras de custodia do territorio, que permitirían fixar poboación, desenvolver iniciativas de aproveitamento sustentábel e conservar valiosos hábitats naturais chave para a conservación da nosa biodiversidade no mundo rural.