Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de goberno da Deputación aproba unha axuda de 35 mil euros para o asilo de Foz

Nota de prensa

A Xunta de Goberno aproba este venres unha axuda de 35.000 euros para o asilo de Foz

– Besteiro e Rivera asinarán ese mesmo día o convenio mediante o cal o municipio recibe esta cantidade para adicala á redución da débeda do centro para maiores garantindo deste xeito, a permanencia dos seus 33 residentes e 10 postos de traballo

– Á petición do Alcalde, Deputación e Concello rescatan o asilo logo de que os seus xestores comunicasen a obriga de peche porque a Xunta non lles concedeu 10 prazas concertadas para dependentes malia cumprir cos requisitos, e ser o único centro para maiores de Foz

– A Xunta de Goberno tamén acordará mañá unha subvención de 20.000 euros para colaborar co Concello focense no impulso do turismo e do comercio local

Este venres a Xunta de Goberno provincial aprobará a axuda extraordinaria de 35.000 euros para evitar o peche do Asilo Virxe do Carme de Foz. Inmediatamente despois, tamén maña no Pazo de San Marcos, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de dito municipio, José María García Rivera, asinarán o convenio mediante o cal o organismo provincial concede esta cantidade ó Concello para adicala á reducción da débeda do centro garantindo deste xeito, a permanencia dos seus 33 residentes e 10 traballadores.

Esta axuda resposta á petición de García Rivera quen solicitou a colaboración da Deputación logo de que “Mensajeros de la Paz” –ONG encargada da xestión do asilo- lle comunicase a situación de abandono a que están sometidos por parte da Xunta. A Consellería de Benestar Social non concedeu ningunha das 10 prazas concertadas para dependentes que solicitaron malia cumprir con todos os requisitos, e ser o único centro para maiores de Foz. Isto supuxo que as achegas do Padroado, xunto ás escasas e nalgúns casos inexistentes pensións dos seus residentes, resultasen insuficientes para continuar coa súa actividade. A maiores, o asilo acumula unha débeda ata xuño de 51.400 euros.

A resposta do organismo provincial foi inmediata. O Presidente, acompañado polo Alcalde, visitou o asilo Virxe do Carmen onde puido coñecer de primeira man a súa situación económica durante un encontro cos membros do seu Padroado: o Rexedor; o Bicario do Obispado de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez; o cura párroco de Burela, Ramón Marful; o cura párroco de Foz, Antonio Domínguez; o Arcipreste de Mondoñedo, Fernando Monterroso; e José Ramón García, veciño de Foz. Foi nesta reunión onde Besteiro se comprometeu a esta axuda extraordinaria de 35.000 euros, e onde avanzou a concesión doutros 5.000 euros para mellorar o inmoble dentro do Plan de Comunidades Veciñais.

Presuposto e residentes

“Mensajeros de la Paz” sostenta o asilo mediante unha achega anual de 20.000 euros por parte do Padroado, e a través das pensións que reciben -non en todos os casos- os seus residentes. Na súa maioría, estas oscilan os 200 e 450 euros. Ante os seus escasos recursos, non é a primeira vez que o Concello sae o seu rescate. Á proposta do Rexedor, o municipio focense aprobou nun Pleno Extraordinario en 2009 unha axuda de 30.000 euros. A maiores, como membro do Padroado, o municipio outorga anualmente financiamento. Nos últimos 3 anos, e a partes iguais entre os membros de dito organismo, cedéronse 60.000 euros.

O asilo atende a 33 residentes. 8 son menores de 65 anos, 4 non cobran pensión algunha, e 13 reciben as mínimas con contributivas. Isto significa que 25 persoas, é dicir o 75% dos casos, terían dificultades para entrar nunha residencia pública sen axudas económicas ou sen estar considerados dependentes.

Residencia de Foz

O Virxe do Carme é o único centro para maiores de Foz malia que máis do 40% dos seus 10.000 habitantes son maiores de 65 anos. Ante a necesidade dun centro para maiores neste municipio, e á petición do Alcalde, a anterior Xunta comprometérase a execución deste proxecto. Para elo, o municipio cedeu xa en 2009 os terreos necesarios para a súa localización precisamente, a carón do Asilo Virxe do Carme co obxectivo de aproveitar estas instalacións. O Goberno galego actual ten paralizada esta iniciativa. É por elo que o Rexedor acordou co organismo provincial que unha das 8 actuacións para o municipio focense do Plan Complementario de Obra Pública fose a redacción deste proxecto. A Deputación está a tramitar esta iniciativa para a que achega 33.600 euros.

20.000 euros

A Xunta de Goberno tamén acordará mañá conceder unha subvención de 20.000 euros ó Concello de Foz co fin de colaborar coas actividades que está a levar a cabo en impulso do turismo e o comercio local. Esta axuda servirá para poñer en valor o Centro de Interpretación da Mariña, as praias, os monumentos e tradicións de Foz. Ademais, tamén se adicará a revitalizar o sector comercial da zona en colaboración coa Asociación de comerciantes e Autónomos focense.

Exit mobile version