Nota de prensa:
Á SEXTA PODE IR A VENCIDA…
Burela, Vista Alegre e os amantes do fútbol sala volverán vestir mañá as súas mellores galas laranxas para acoller a sexta fase de ascenso á División de Honra da historia do Burela FS, coa visita do Colegios Arenas Gáldar (19.00 horas). Porque á sexta tentativa si que pode ir a vencida!
Conscientes da importancia desta primeira embestida e co apoio incondicional da apaixonada afección laranxa, os burelistas sairán sen miramentos a pola vitoria ante un rival veterano nas loitas pola elite, que tan só os avantaxou en dous puntos na clasificación final. Aínda que os encontros de play off son outro mundo, os resultados da liga animan os pupilos de Suso Rey, con empate na bomboneira (2-2) e o triunfo de hai un par de semanas nas illas (3-4), para viaxar a Gáldar coa eliminatoria a favor.
Suso Méndez acudirá á cita sen baixas no cadro canario. No vestiario laranxa, non poderá participar Edu, por unha lesión muscular con desinserción parcial da zona isquiotibial dos bíceps femoral e semitendinoso que o manterá afastado algunhas semanas; Christian será dúbida por unha inflamación no xeonllo. Como novidade na convocatoria, entrará o meta xuvenil Juan.
Todas as persoas que vaian vestidas coa cor laranxa entrarán nun sorteo de indumentaria do club. A taquilla estará aberta dende as 18.00 horas (Socios: adulto 3 euros, xuvenil 2 euros // Non socios: adulto 10 euros, xuvenil 3 euros).
Minuto de silencio. Vista Alegre gardará un minuto de silencio antes do asubío inicial, en memoria das vítimas do terremoto que golpeou a localidade murciana de Lorca esta semana.
A Pataca Naranxa
Os/As seareiros/as da Pataca Naranxa comezarán a festa de play off ás 12.00 horas na praza de abastos, cun xantar programado para as 15.00 horas. Antes do comezo da primeira eliminatoria de ascenso, a peña burelista tamén fará entrega dos seus trofeos para Edu, como mellor xogador, e Víctor Cachón, como máximo goleador; o gardameta naronés tamén recollerá o galardón de xogador máis valorado polos internautas asiduos a www.patacanaranxa.com.