Nota de prensa:
NEVES CANDO DENUNCIA O GRANDE RETRASO QUE ESTÁ A SOFRIR A APLICACIÓN DA LEI DE DEPENDENCIA EN BURELA. SEGUNDO A RESPONSABLE DE BENESTAR SOCIAL HAI PERSOAS QUE TEÑEN RECOÑECIDO O SEU GRAO DE DEPEDENCIA HAI UN ANO E AÍNDA NON RECIBIRON PRESTACIÓN ALGUNHA.
Burela, 2 de maio de 2011. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, denunciu o grande retraso que está a sofrir a aplicación da lei de dependencia en Burela, porque hai persoas que teñen xa ecoñecido o seu grao de dependencia desde hai casi un ano e a día de hoxe aínda non teñen concedida ningún tipo de prestación.
A edil nacionalista explicou que “se trata de persoas que solicitaron a axuda de familiar-coidador e aínda non recibiron ningunha resposta. Nalgún caso estamos a falar de persoas catalogadas como dependencia severa e que, segundo publica a Xunta de Galicia na súa páxina web, tiñan que ter xa a acceso a este servizo en 2009, pero non só levan un ano de retraso na valoración da súa dependencia senón que levan outro máis agardando a que lles concedan o servizo ao que por lei teñen dereito, unha vez valorados”.
Neves Cando sinalou que “estas persoas que están a sofrir este grave retraso achéganse ao Concello demandando información sobre o seu expedente. Nós puxémonos en contacto coa Xunta preguntando por esta cuestión e a resposta que recibimos é que non hai cartos para atender estes casos xa valorados que solicitaron a prestación económica para coidados no entorno familiar e que non saben cando se poderán atender”. A concelleira de Benestar Social engadiu que “desde o Concello queremos reclamar atención urxente para estes casos porque estamos a falar de persoas valoradas cunha dependencia severa que non teñen adxudicado pola Xunta ningún tipo de prestación conforme á súa valoración e ao que está estipulado na lei de dependencia”.
Para Cando “de nada serve que hai uns días se anunciara desde a Consellería de Traballo e Benestar Social que para o ano que ven se ían arbitrar novos servizos e un novo catálogo de prestacións, se a día de hoxe as persoas que están valoradas levan un ano agardando por unhas prestacións ás que xa teñen dereito por lei”. A edil do BNG considera que “a atención aos dependentes ten que ser unha prioridade do goberno galego do PP e a excusa de que non hai cartos non vale. Estas persoas teñen dereito a este servizo e o goberno do PP terá que dárllelo”.