Nota de prensa
DOSSIER DE PRENSA
25º ANIVERSARIO DO HOSPITAL DA COSTA
O Hospital da Costa expresa o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que colaboraron cos actos de celebración do seu 25º Aniversario
Os membros da comisión organizadora dos actos de celebración do 25º Aniversario do Hospital da Costa de Burela queremos agradecer a todas as persoas, empresas e institucións que colaboraron dalgún xeito con este evento, xa sexa por medio dunha achega económica ou con aportacións de material gráfico, artigos, cartas, datos ou horas de traballo sacadas do seu tempo libre. Desde esta comisión, formada en outono de 2010 por traballadores de todos os ámbitos do Hospital, organizamos o que está a ser a festa de celebración das nosas “Vodas de prata”. Para isto, ademais de editar o noso Libro Conmemorativo, realizamos a exposición fotográfica “As imaxes da nosa historia”, elaboramos un DVD obsequio con imaxes do persoal que pasou polo centro nestes 25 anos, e organizamos un concurso de debuxo e de relato corto para os nenos e nenas dos centros escolares da Mariña, ademais dun partido de fútbol entre traballadores do Hospital da Costa e a Unidade de Xestión de Ferrol, e dunha conferencia sobre “Un día na residencia” impartida polo Dr. Fernández Álvarez e a Dra. Rodicio.
Como colaboracións especiais, os membros da comisión organizadora do 25º Aniversario queremos expresar o noso agradecemento a Chencho Pardo pola elaboración desinteresada e inmediata do marabilloso logotipo conmemorativo deste evento. Tamén a Alfonso Bueno, antigo Director de Xestión deste centro que aportou a maior parte do material gráfico das primeiras épocas do Hospital da Costa, e a Miguel Blanco porque nos facilitou, ademais dos planos, as fotografías da evolución do centro.
Agradecemos tamén a Blanca Reimunde, Hugo Bernardo, Marta Serrano, Ricardo Rojo, Conchi Chas e Ana Rodríguez pola colaboración entusiasta que mostraron nestes meses, que fixo que terminaran pertencendo pleno dereito a esta comisión organizadora aínda sen pertencer inicialmente á mesma.
E por suposto, e por encima de todos eles, queremos dar as grazas a Blanca Díaz Reimunde, sen cuxo duro traballo tanto no libro conmemorativo como na exposición fotográfica “As imaxes da nosa historia”, estes nunca terían visto a luz.
Damos as grazas pola axuda económica á Fundación Alcoa, que posibilitou por unha banda a realización da exposición fotográfica “As imaxes da nosa historia” por medio de 28 “plans Bravo”, e por outra a edición do libro conmemorativo, a través dun “plan Acción”. Con este libro tamén colaborou a Deputación Provincial de Lugo. Os agasallos para os nenos e nenas cuxos debuxos e relatos resultaron premiados estiveron financiados polo Concello de Burela. Tamén colaboraron economicamente coa realización destes actos a Chave de Ouro, Roche Farmacéutica, Lifescan, Remeco, Roche Diagnostics, Movaco, Reference Laboratory, Promedisa, Siemens,St. Jude, Aventis, Bio-Rad, Kiosco Ana, Twity, Gráficas Arfe, Lavachel, Funeraria Burela, Gráficas Agustín Paz, Escolma de Meus, Aspanane, Fundación Eu Son, Platería David, Joyería Kessarys, o coro e a orquestra da Escola Municipal de Música de Burela e Puerto de Celeiro.
Actividades do 25º Aniversario
A exposición de fotos “As imaxes da nosa historia” pretende dar a coñecer a toda a Mariña a evolución que foi experimentando o centro ao longo destes 25 anos, por medio de fotos que ilustran o pasado e o presente de cada área. Xa que o exterior é o que se ve a simple vista, preocupámonos de mostrar as modificacións que experimentamos no interior, xa que son as máis importantes. Por outra banda, con esta exposición abrimos as portas do centro para que todos os veciños e veciñas da área nos coñezan un pouco máis. A exposición, na que facemos unha mención especial ao “Pesca” por acudir sempre ás chamadas do centro nas peores condicións climatolóxicas, está formada por 16 paneis que permanecerán na rampa de acceso ao Hospital durante estes días. Posteriormente, percorrerá os concellos da Mariña que o soliciten, para formar parte da decoración nas paredes deste Hospital ao finalizar a súa itinerancia.
O libro conmemorativo do 25º aniversario do Hospital da Costa é un repaso da nosa historia conformado por textos e imaxes. É unha obra dirixida aos traballadores e traballadoras do Hospital, como un regalo de aniversario que nos facemos a nós mesmos. Nas súas páxinas facemos un resumo de como nacemos e como, aínda hoxe, medramos día a día formando unha familia cada vez máis numerosa. O libro é un compendio de pedaciños da nosa historia: algunhas cartas de felicitación por estes 25 anos, ademais de artigos, crónicas, cronoloxías, ou relatos nos que o Hospital da Costa é o protagonista, e os traballadores somos os narradores.
Os concursos infantís de debuxo e de relatos tiñan dous obxectivos claramente diferenciados. No caso dos máis pequenos, interesábanos coñecer como nos ven. A verdade é que resultou unha sorpresa moi gratificante ver a boa imaxe que teñen do seu Hospital, a pesar de que habitualmente se poida asociar con cousas negativas. Os seus debuxos, como pode verse no panel da exposición que ocupan, son alegres e están cheos de cor. Para os adolescentes que medraron co Hospital cerca, quixemos comprobar como ven a Mariña sen o Hospital da Costa, e comprobamos que a súa visión sen o centro próximo é case apocalíptica. Isto serve como mostra de que, afortunadamente, non coñeceron as épocas nas que a xente desta zona debía desprazarse moitos kilómetros para solucionar os seus problemas de saúde.
Unha selección dos mellores traballos dos nenos e nenas dos centros que participaron chegou ao Hospital, e os membros da comisión seleccionamos os gañadores.
A conferencia a cargo do Dr. Fernández Álvarez e a Dra. Rodicio realizouse na aula da Cultura de Burela o día 26 de abril co título “Un día na Residencia”. Queríase dar unha visión dos diferentes estamentos e persoal que se move ao redor dun paciente en cada proceso, moitos deles de xeito anónimo, e isto ilustrouse por medio do caso imaxinario dun paciente ao que acompañamos enviado polo seu médico de atención primaria ao Hospital por unha fractura. No mesmo acto, fíxose entrega aos nenos e nenas gañadores dos premios polos debuxos e relatos, e actuou o grupo Escolma de Meus de Viveiro de xeito gratuíto.
Hoxe xoves, día 5 de maio
Ás 16:30 horas, presidida polo Dr. Xerente do Hospital da Costa, José Insua, que estará acompañado por Alfredo Llano, alcalde de Burela e Rubén Bartolomé, director de Alcoa-San Cibrao, terá lugar a plantación de árbores autóctonas no parque de acceso ao hospital por parte de empregados de Alcoa que colaboran coa edición do libro e da exposición fotográfica por medio dos plans Acción e Bravo.
Hoxe tamén se colocará a placa conmemorativa do 25º aniversario, realizada pola Fundación “Eu Son” de Burela, co logotipo realizado especialmente para o evento.
A continuación, colocaranse os paneis de “As imaxes da nosa historia” .
Ás 18:00 horas no campo da Marosa, celebrarase o partido de fútbol Hospital da Costa contra Área Sanitaria de Ferrol.
Mañá venres, día 6 de maio
A partir das 12:30 da mañá, terá lugar o acto institucional ao que están invitados cargos políticos da Consellería de Sanidade, alcaldes da área Sanitaria, ex xerentes e xerentes actuais doutros hospitais da comunidade. A todos eles se lles explicará a mostra fotográfica.
A continuación, no salón de actos, o Dr. Insua, a Sra. Conselleira e outros cargos dirixirán unhas palabras aos asistentes.
Ás 17:00 horas, volveremos ao salón de actos nunha xuntanza de todas as xeracións que pasaron polo Hospital da Costa. Os máis antigos faremos de nexo de unión entre xeracións. Haberá unha mesa redonda con antigos compañeiros que nos lembrarán os inicios do centro, así como anécdotas divertidas e vivencias persoais.
A continuación, actuará o coro e a orquestra da escola de música de Burela e terá lugar un acto de lembranza aos compañeiros e compañeiras que xa non están entre nós.
Ás 19:00 horas remata o acto.
A cea comezará ás 22:30 horas, e a ela asistirán persoas que están ou estiveron vinculadas ao Hospital da Costa. Haberá un servizo de autobuses, e os que desexen poderán utilizalo para asistir á cea no restaurante Louzao de Viveiro. Sairá de Ribadeo, pasando por Foz e Burela, e tamén de Viveiro, facendo as paradas que sexan necesarias.