Site icon Crónica3.com A Mariña

25 anos de boa saúde

25 anos de boa saúde

Nestas datas nas que vimos de conmemorar os 25 anos de servizo público do Hospital da Costa cómpre sobre todo facer un merecido recoñecemento ao conxunto das e dos profesionais –son moitos- que ao longo destes cinco lustros fixeron posible, co seu traballo, co seu esforzo, coa súa implicación -moitas veces maior da requirida- que os veciños da Mariña poidamos gozar da vida con saúde.

Fronte a aqueles que por intereses electorais poñen en dúbida o funcionamento da nosa sanidade só en función do partido político que xestione a Xunta, os populares, queremos facernos eco do sentimento maioritario dos cidadáns desta comarca e asumimos unha débeda de gratitude co persoal médico, de enfermería, celadores, de limpeza, de mantemento, de cociña, técnico, administrativo,… e así unha longa lista de persoas que fixeron, fan e seguirán a facer posible o funcionamento da maior institución pública da nosa comarca.

Pero a celebración do XXV aniversario é tamén un espazo para a reflexión dos retos que nos depara o futuro. O desafío non só está na mellora dos medios humanos e materiais, que hoxe está a levar a cabo o SERGAS, se non moi especialmente, na mellora da xestión para que todos podamos recibir uns mesmos servizos sanitarios, da maior calidade e no menor tempo posible.

Negar as dificultades coas que nos atopamos tras acceder o PP á responsabilidade de goberno e a existencia aínda hoxe de cuestións a corrixir sería unha irresponsabilidade. Pero tamén é certo que a pesar da dificultade de ter que asumir a máis de 4.297 pacientes agochados nun caixón, aos que se lles estaba a negar a asistencia sanitaria, esta problemática está a ser abordada cun traballo frenético. O avance nos temos de espera, de xeito particular naquelas patoloxías máis graves ou que limitan a calidade de vida do paciente e o avance na capacidade de resolución, evidencian que era verdade que había marxe para facer máis.

Hoxe con especial intensidade desde o Partido Popular queremos refrendar o noso compromiso coa sanidade pública, como piar fundamental do estado de benestar. Apostamos por un hospital xestionado con autonomía, desde Burela e que sempre seguirá en Burela, ampliando incluso os seus servizos. Hoxe tras anos de promesas e moita propaganda -esta vez si- vemos en marcha as grandes obras pendentes, como a de adaptación da área de maternidade –que reduce temporalmente o número de camas dispoñibles- a da rampla de acceso, sala de espera e arquivo ou as que posibilitaron novas dotacións con tecnoloxías de diagnóstico máis modernas e avanzadas. O propio Presidente da Xunta avanzou que está na axenda do Goberno un reto maior a ampliación estrutural do Hospital.

Cinco lustros de experiencia nos fan ter total confianza en que se saberán afrontar os novos retos, co apoio deste enorme equipo de profesionais curtido como está na superación de dificultades. 25 anos despois o Hospital da Costa segue a ser unha espléndida realidade. É deber de todos preservala e mellorara para que unha maior protección da saúde da nosa sociedade faga, a súa vez, unha sociedade máis xusta, máis solidaria e con mellor calidade de vida.

Jose Manuel Balseiro Orol

Exit mobile version