Nota de prensa
O CONSELLEIRO DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO CONFIRMA O PROXECTO DE BEIRARRÚAS EN CANGAS
O CONSELLEIRO DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO CONFIRMOULLES AOS VECIÑOS DE CANGAS O INICIO DO PROXECTO DE BEIRARRÚAS NA ESTRADA A FERREIRA
Os representantes da asociación de veciños da parroquia mais os do Partido Popular de Foz recibiron, na estrada a Ferreira, a Agustín Hernández, quen corroborou aos presentes a intención de realizar a obra con celeridade, como necesidade básica para a seguridade viaria.
Foz, 11/05/2011.- O conselleiro de Ordenación do Territorio, Agustín Hernández, desprazouse onte ata Cangas para trasladarlles in situ aos veciños a noticia que días atrás xa lle adiantara ao candidato dos populares focegos, Javier Castiñeira, confirmando a elaboración do proxecto de beirarrúas na estrada de Cangas a Ferreira, no tramo dende a ponte ata Vilamor.
Esta obra completará o traballo da consellería na zona, que xa se atopa en labores de mellora do firme e de renovación da sinalización ata Ferreira, nunha vía moi transitada por veciños da parroquia e de localidades do interior da Mariña. O desprazamento diario de numerosos vehículos cara ás vilas costeiras por motivos laborais, médicos cara ao Hospital da Costa ou mesmo para facer as compras poñen de manifesto a necesidade das futuras beirarrúas, que protexerán os peóns manténdoos fóra do alcance de vehículos.
Castiñeira agradeceu o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia coa localidade focega, onde se está a investir para outras obras na actualidade, como a mellora do abastecemento de auga; a rehabilitación da antiga estrada de Ferreira a Foz, coa dotación de beirarrúas tamén en Santo Acisclo, Santa Cecilia e San Martiño; o dragado para o que a Xunta xa ten unha dotación nos presupostos de máis de 2 millóns de euros, pendente do permiso de Costas; investimentos do PEIM en pistas en Santa Cecilia e a aposta de futuro pola reorganización da zona portuaria e o xeriátrico, entre outros. A pesar da pouca ou nula colaboración que demostra o actual alcalde, que tenta bloquear os esforzos da Administración Autonómica de forma partidista, a Xunta traballa por Foz e polas súas parroquias.