Ángel Vizoso .- Xeralmente identificamos as redes sociais con contidos de baixo interese ou mesmo con ataques indiscriminados de mensaxes non desexadas (“spam”). No meu caso teño unha experiencia ben diferente: grazas ás miñas funcións como técnico de son do programa “Parolando” de Radio Valadouro, tiven a sorte de encontar un contido que me resultou moi chamativo.
Estaba no programa revisando a nosa páxina na rede social “Facebook”, como de costume, e observei que apareceu publicada unha mensaxe asinada por Miguel Vila, na que facía partícipe á audiencia dun poema que atopou entre a súa ampla colección bibliográfica. Dito poema, “A rosa do Valadouro”, deu pé a unha investigación, que tocou a súa fin cunha entrevista a esa persoa que o atopou e o publicou.
Foi así como souben que Miguel Vila, veciño do Valadouro que, tras vivir en Madrid (ata 1994) retornou a Galicia, en concreto ao concello de Brión, na Coruña.
Miguel é un grande coñecedor das letras galegas en xeral e das obras de autores da terra (de Alfoz e O Valadouro) en particular. Aproveitando as vantaxes do correo electrónico, púxenme en contacto con el e fíxenlle esta entrevista que, co seu permiso, comparto coas persoas interesadas na tradición cultural da comarca.
O documento exposto na rede social “Facebook” corresponde á totalidade da obra orixinal?
O texto que colguei en Facebook corresponde á totalidade o poema que atopei publicado na revista El Eco de Galicia, pero descoñezo se corresponde a unha obra máis ampla, aínda que habería que pensar que é así porque o autor indica que se trata dun “fragmento de una leyenda inédita”.
Aparece algunha información adicional sobre o poema, o autor, as condicións en que foi creado ou outros aspectos sobre el no “Eco de Galicia”?
No xornal non aparece ningún outro dato nin sobre o autor nin sobre a obra. Daquela era común que os xornais publicasen poemas dos máis diversos autores, entre eles poetas como Rosalía de castro, Curros Enriquez e outros.
Posúe algún tipo de información sobre o autor? (vínculo co Valadouro, condición de emigrante, de persoa que colabora coa publicación realizada ao outro lado do Atlántico, formación do autor…)
Polo momento, o que puiden saber sobre o autor do poema é que foi coengo da catedral de Santiago de Compostela, primeiro lectoral e despois chantre.
Como e cando atopou o documento? Posúe máis documentos deste tipo, ben relacionados co Valadouro, A Mariña ou simplemente obras de emigrantes en América?
Teño por costume revisar con certa frecuencia algunhas fontes bibliográficas na procura de informacións relacionadas co Valadouro que foran incorporadas recentemente. Nunha desas revisión foi cando atopei este poema.
Da mesma maneira din con información sobre Juan José Geada, natural de Adelán, e que en Cuba foi escritor e mestre de literatura. Ou con Nena Acevedo (Carmen Acevedo) que foi unha reputada actriz e directora de teatro en Cuba antes da revolución e en Miami despois. Carmen Acevedo naceu na parroquia do Castro (Alfoz).
Tamén atopei información sobre Ramón Otero Pumares. Polo menos publicou un libro de poemas despois da Guerra Civil baixo o pseudónimo de Ramón del Valle de Oro. Este home, moi identificado co réxime franquista, foi o fundador das Hermandades del Trabajo e concelleiro do concello de Madrid. Imaxino que a el se debe o feito de que en Madrid existan varias rúas e praza con nomes como o de Valle de Oro, Castro de Oro ou Bacoi. De momento non sei de que parte do Valadouro era natural nin a que familia correspondía.
Tamén teño atopado un número moi importante de poemas de Celestino Cabarcos que foron publicados no xornal Vallibria (Mondoñedo) baixo o epígrafe de “Cóxegas”. Parte desas “Cóxegas” publicounas Cabarcos en forma de libro en 1950, pero hai arredor dun cento de poemas que non están nese libro. Os poemas publicáronse orixinalmente nos anos vinte e trinta do século XX, e todos estaban escritos en galego. Son os únicos textos en galego do xornal. Con toda seguridade un deses poemas foi o primeiro texto publicado en galego despois do inicio da Guerra Civil, xa que poucos días despois do 18 de xullo de 1936 saíu un número de Vallibria cun poema, en galego, de Celestino Cabarcos. No mesmo xornal hai algún poema de Cabarcos en castelán, pero non na sección Cóxegas.
Finalmente citar, aínda que é coñecido por algunhas xentes, que outro personaxe tristemente famoso do Valadouro foi Ramón Pedrosa y Andrade, de Adelán. Este home foi o culpable de Mariana Pineda fose sentenciada a morte e executada en Granada en 1830.
Sobre Mariana Pineda escribiría moita xente, entre eles o poeta granadino Federico García Lorca
Que é o que máis lle chama a atención do poema?
Cando lin o poema o primeiro que me veu á cabeza foi “A probiña que está xorda”, de Rosalía de Castro. A mesma métrica e rima e algunhas coincidencia de contido: unha vella pobre, no monte, e que fala de comida.
Pero o que máis me chamou a atención foi o uso da palabra “amorolo”. Esa palabra non aparece nos dicionarios galegos nin atopei en ningunha das bases de datos de léxico galego. Pero no Valadouro esa palabra empregábase para denominar ao froito dos esbedros (Madroño, en castelán). Eu coñézoa porque meu pai dicía que de rapaces ían buscar amorolos ao coto de Mansián