Para os cristiáns é a Semana Santa a mais importante do ano, santificada e consagrada a Deus de maneira especial. A Igrexa, que conmemora a paixón, morte e resurrección de Cristo, santifícase e renóvase a sí mesma. Coñeceuse antigamente como a “Semana Grande”, título que conservou ata hai pouco. É, en efecto, centro e corazón da liturxia do ano. Nela celébrase o misterio da redención. Os antigos cristiáns estaban persuadidos da súa grandeza: un escritor dos primeiros séculos resumiuna nesta frase: “Pascua é a cume”. Débese entrar neste tempo con espírito de paz interior e recollemento. Os días precedentes poden ser de grande actividade; a miúdo absorbidos cos preparativos para a festa, déixase o cumprimento das obrigas espirituais para o final. A monxa beneditina Aemiliana Lohr usa o fermoso exemplo dun navío entrando no porto, despois dunha longa viaxe. É unha imaxe de paz; as semanas de esforzo concluíron. A Igrexa é como esa embarcación. A coresma foi unha longa viaxe, un tempo de traballo e disciplina; pero agora na Semana Santa, o barco entra no porto: chegou o momento de descansar na paixón de Cristo. Pode que non sexa fácil sacar tempo para dedicar a Deus, pero esta idea de descansar na paixón suxire a actitude mental que convén ter ó acercarse a Semana Santa. Durante esta, a Igrexa segue as pegadas do seu Mestre As narracións da paixón cobran nova vida coma se os feitos se repetiran ante os nosos ollos. Tódolos acontecementos que conducen ó arresto, proceso e á execución de Xesús son recordados e celebrados. Paso a paso, escena a escena, séguese o camiño que El tripou cos seus pes durante os últimos días da súa vida mortal. A paz, o silencio e o recollemento son precisos para percorrer os camiños da paixón. Difícil é atopar entorno mais axeitado a tal fin que o que ofrece a igrexa de San Martiño. A austeridade dos seus vellos muros ; o silencio que mesmo “escoitase”; a sobriedade enmarcada polas súas pedras que, en palabras de Álvaro Cunqueiro “parecen labradas por mans imposibles”; todo predispón á oración, á reflexión e á consideración dos mais fondos sentimentos:
Non me move meu Deus para quererte / o ceo que me tés prometido;
nen me move o inferno tan temido /para deixar por iso de ofenderte.
Móvesme ti, meu Deus, /móveme o verte nesa Cruz, cravado i escarnecido…