Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de galicia subiu as tarifas de atraque en máis dun 100%, explica o BNG de Foz

Nota de prensa
O BNG DE FOZ DENUNCIA QUE PORTOS SUBIU AS TARIFAS DE ATRAQUE EN MÁIS DUN 100%

Basanta está en desacordo e considera que “isto non son atraques senón uns atracos”

Foz a 4 de abril de 2011.- O BNG de Foz denuncia o abuso que Portos de Galicia efectuou nas tarifas para embarcacións que teñen o seu atraque nos distintos pantaláns dos portos de Foz. A suba das tarifas anda en todos os casos arredor do 100% e nalgúns casos supérao.

Por poñer un exemplo real, unha embarcación de 3,80 de eslora e 1,50 de manga que pagaba o ano pasado 44,73 € por semestre pasa a pagar este ano 87,50 € no mesmo período, é dicir, case o dobre. Ao ano, esa embarcación que pagaba 89,46 euros pagará este ano 175 euros. Como vemos, esta suba é desproporcionada e máis se temos en conta a situación do calado en Foz que imposibilitan que en moitas ocasións as lanchas poidan saír ao mar ou que teñan que esperar para entrar porque acaban varando.

Ata este ano, Portos de Galicia tiña unha bonificación do 50% precisamente naqueles peiraos ou pantaláns cun calado igual ou menor a un metro. Tamén aplicaba unha reducción do 20% cando o cobro se efectuaba por semestre adiantado e domiciliando o pago. Agora, por motivos exclusivamente recadatorios, Portos deixa de aplicar estas bonificacións de forma inxustificada posto que as circunstancias non cambiaron en nada e os servizos que Portos lles ofrece as embarcacións deixan moito que desexar (dragados incompletos como o actual, grúas avariadas longo tempo, luz e auga, etc.)

Para o BNG non hai motivo en facer estas subas tan salvaxes nas tarifas de atraque e sobre todo sen avisar e sen informar aos usuarios dos pantaláns que quedaron abraiados cando recibiron a factura. O BNG levará o caso ao Parlamento para solicitar unha explicación e facerlle recapacitar e rectificar ao ente público de portos.

Exit mobile version