Nota de prensa:
O TELECENTRO DE RIBADEO FOI UTILIZADO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DESTE 2011 POR PRETO DE 1.500 PERSOAS, SEGUNDO OS DATOS QUE HOXE DEU A COÑECER FERNANDO SUÁREZ.
Ribadeo, 4 de abril de 2011. O telecentro de Ribadeo foi utilizado no primeiro trimestre deste 2011 por preto de 1.500 persoas, segundo os datos que hoxe deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que “estes datos tan importantes de participación animan a seguir traballando neste telecentro municipal de Ribadeo. Os datos están aí, preto de 1.500 usuarios utilizaron este telecentro durante o primeiro trimestre deste 2011. O mes de febreiro foi o máis visitado dos tres con 566 usos diarios e tiveron moito éxito estes obradoiro que impartimos sobre todo á xente de maior de alfabetización dixital básica, de iniciación á informática, internet ou mesmo de creación dunha conta de correo electrónico”.
Para Fernando Suárez “todo isto nos da iniciativa para seguir traballando con diferentes rangos de idade. Facémolo tanto con xente desempregada en idade activa, como con xente maior e como ocorrerá na semana santa cos nenos, nese período de tempo faremos actividades para nenos”.
O alcalde animou “a todos os que sendo de Ribadeo aínda non teñen o carné de usuarios do telecentro a día de hoxe. Desde o ano 2007, momento no que puxemos a andar esa iniciativa, foron xa 1.282 os usuarios e usuarias que fixeron o carné do telecentro en Ribadeo. Animamos a todos os que lles costa un pouquiño achegarse ás novas tecnoloxías da información e da comunicación para que veñan a aprender nestas instalacións, que son gratuitas e que contan cunha rede de ordenadores moi boa e que conta tamén co apoio de todos os puntos que temos en prácticamente todas as parroquias do Concello, onde hai un equipamento informático mínimo para todas aquelas persoas que queiran facer un uso das novas tecnoloxías de maneira autónoma , pero tamén de maneira gratuita e con acceso á banda ancha”.