Nota de prensa
Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.
O PSOE DE FOZ DENUNCIA O ESTADO LAMENTABLE NO QUE PORTOS DEIXA O PASEO DA RIBEIRA DESPOIS DE REMATAR UN DRAGADO QUE NON SERVIU DE NADA
-Os socialistas esíxenlle a Castiñeira que “dé a cara porque lle debe unha explicación ós veciños de Foz despois de apoiar esta actuación”
-Sinalan que “acaban de tirar ó lixo 290.000 euros xa que os traballos non resolveron o problema do calado”
A Agrupación Socialista de Foz amosa a súa sorpresa ó saber que o dragado do porto xa finalizou. Aseguran que “non sabemos cales foron as melloras acadadas con esta actuación. Nós, que si nos preocupamos de falar cos veciños e de atender ós seus problemas, sabemos pola xente do mar e os usuarios do porto deportivo, que todo o que se fixo non serviu para nada. Confirmáronnos que se antes varaban fronte á Casa do mar agora xa varan fronte á rampa do Clube Náutico”.
Os socialistas temen que esta obra remate desta maneira, “queremos que Portos de Galicia e o seu aliado, o señor Javier Castiñeira, candidato popular á alcaldía de Foz, expliquen cales foron as melloras e canto aumentaron o calado, porque os usuarios non notan diferencias entre o antes e o agora”.
Dende o PSOE focense pregúntanse se “este é o modelo de xestión responsable que pretende seguir o señor Castiñeira no Concello de Foz. Foi o primeiro que apoiou esta actuación e acaban de tirar ó lixo máis de 290.000 euros, preto de 50.000.000 millóns das antigas pesetas, xa que fixeron un dragado que non serve para nada pois non resolveron o problema do calado”.
Os socialistas esíxenlle ó candidato popular que “dé a cara porque lle debe unha explicación ós veciños de Foz. O único que conseguiu apoiando esta xestión foi destrozar a imaxe do noso porto. Beirarrúas fundidas, adoquíns levantados, as rúas por onde pasaron os camións cheas de lixo, o Paseo da Ribeira, un dos atractivos do noso pobo, completamente empantanado, cheo de fochancas, con árbores arrincadas e monumentos enterrados. É unha verdadeira lástima ver como nos deixaron o porto para non solucionar nada”.
Por outra banda, a Agrupación Socialista pídelle ó señor Castiñeira que “se posicione ante a subida das taxas portuarias. Que nos explique se tamén cre que con esta chapuza de dragado se xustifica a retirada da bonificación da tarifa de baixo calado que tiñan os usuarios do porto focense”.
Os socialistas de Foz consideran que “o alcaldable popular está a facer unha campaña de confrontación contra o Concello, institución que representa ós seus veciños e que está sendo cómplice da mala xestión que fan os seus compañeiros de partido na Xunta de Galicia”. E engaden que “hai menos dun mes entraron arrasando na nosa vila para facer un dragado, prometendo ós veciños un traballo exemplar, e agora marchan sen solucionar o problema e deixando o Paseo da Ribeira totalmente destrozado, confirmando o aumento das tarifas portuarias e tirando ó lixo 290.000 euros de todos os contribuintes”.