Nota de prensa:
O PROXECTO RÍOS INICIA A SÚA CAMPAÑA DE PRIMAVERA 2011 E ORGANIZA AS XIII XORNADAS DE FORMACIÓN DO VOLUNTARIADO.
O 15 de Abril iníciase a campaña de primavera do Proxecto Ríos, que se prolongará ata o 1 de Xuño.
Santiago de Compostela, 14 Abril de 2011
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Este proxecto é iniciativa de ADEGA e está promovido e financiado por Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O Proxecto Ríos organiza unha rolda de prensa para a presentación da campaña de primavera de 2011, onde se dará cumprida conta das actividades programadas para esta campaña como: a realización das XIII Xornadas de Formación do Voluntariado do 30 de abril na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, as saídas formativas con grupos participantes, a presentación de materiais divulgativos do proxecto, etc.
Esta presentación terá lugar no local de ADEGA en Santiago de Compostela (Travesa de Basquiños, 9 baixo) ás 12.00h da mañán o día 15 de abril de 2011.