Nota de prensa
Román Rodríguez cualifica de “fobia cara os veciños” a posición do PSOE, que “primeiro xera un problema paralizando a actividade construtiva e despois se opón á solución”
O GRUPO POPULAR DEFENDE A SOLUCIÓN URBANÍSTICA DA XUNTA PARA BARREIROS E LAMENTA A INCOHERENCIA DOS SOCIALISTAS, QUE CRITICAN UN CONVENIO QUE APROBARON A NIVEL LOCAL
A alternativa plantexada polo Goberno galego “está consensuada coa Deputación e o Concello e vai posibilitar regularizar a situación desde o punto de vista urbanístico e á marxe do ámbito xudicial”.
Santiago, 12 de abril de 2011.- O Grupo Popular defendeu hoxe no Pleno do Parlamento, no debate dunha iniciativa do PSdeG, a solución urbanística plantexada pola Xunta para Barreiros e lamentou a incoherencia dos socialistas, que critican en Santiago un convenio promovido pola Administración autonómica e asinado pola Deputación de Lugo que ese partido aprobou a nivel local.
“Dá a sensación de que a Ismael Rego o escoitan pouco na Mariña e en Lugo, pois o que din nos diferentes ámbitos non se parece nada”, afirmou o viceportavoz do Grupo Popular, Román Rodríguez. O deputado popular cualificou de “fobia cara os veciños” a posición do PSOE, que “primeiro xera un problema paralizando a actividade construtiva e despois se opón á solución”.
O PLANTEXAMENTO TÉCNICO MÁIS INTELIXENTE
Rodríguez salientou que a solución da Xunta, a través do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, “é o plantexamento técnico máis intelixente, pois posibilitará o remate das obras iniciadas e completar a estrutura territorial do concello”, o que beneficiará “tanto aos compradores de vivendas coma ao conxunto do municipio, ao permitir rematar obras que quedaron a medio facer pola decisión de paralización do Bipartito”.
Así mesmo, destacou que a alternativa plantexada polo Goberno galego “está consensuada coa Deputación e o Concello e vai posibilitar regularizar a situación desde o punto de vista urbanístico e á marxe do ámbito xudicial”. Unha situación “caótica”, derivada “da paralización sectaria feita polos socialistas durante o Bipartito”. Rodríguez insistiu en que o sectarismo do PSOE ponse en evidencia “no tocante a Barreiros, ao tratar de xeito diferente procesos semellantes acaecidos noutros concellos da Mariña”.