Nota de prensa:
O PP AUTONÓMICO E PROVINCIAL ARROUPA A JAVIER
CASTIÑEIRA NA PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA FOCEGA
A representación das parroquias asumirá o 62% nun equipo que se presenta como a
única alternativa fiable ante a lexislatura de malgasto capitaneada por Rivera e Cancio
Foz, 01/04/2011.- A casa da cultura de Foz quedou pequena ante a grande expectativa que xerou a
presentación do equipo que acompañará a Javier Castiñeira na candidatura dos populares focegos
para as eleccións municipais do 22 de maio. A presenza da conselleira de Pesca, Rosa Quintana,
mais o presidente e o secretario do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro e Xosé Manuel Balseiro, e a
delegada Territorial, Raquel Arias, reafirmou o apoio da dirección autonómica e provincial do Partido
pola Candidatura focega: UN PASO ADIANTE para Foz.
Tras o recibimento da conselleira no porto, Castiñeira explicou o proxecto estrela do Programa
Popular, centrado no pulo desta zona, en máis de 15.000 metros cadrados de explanada, coa
restruturación da área portuaria e implantación da estación náutica, zonas verdes, de equipamentos e
servizos, e zonas comerciais e de ocio e a localización da Casa da Música; unha realidade que
precisamente presentou hai unhas semanas o presidente de Portos, Manuel Campana.
Na presentación, Castiñeira abordou a necesidade dun cambio, co Partido Popular como única
alternativa fiable, posto que os demais, excepto o BNG estiveron en labores de Goberno estes
últimos anos: “O concello de Foz non pode quedar durmido; debe aproveitar a oportunidade
que nos brinda o vindeiro 22 de maio para subir ao tren galego nun proxecto de Goberno,
plural para todos os focegos, tanto do núcleo urbano coma das parroquias”. O candidato
popular defendeu iniciativas, imaxinación e creatividade para esta nova etapa, pero tamén realismo
“dado que vivimos unha situación de crise intensa, tanto a nivel nacional como na propia
localidade que sufriu nesta última lexislatura un malgasto económico sen precedentes
capitaneado por dúas persoas, Rivera e Cancio, que agora se presentan como a solución dos
seus propios erros”.
Castiñeira evitou entrar no pasado, pola palpable evidenica da mala lexislatura, e incidiu na
necesidade de mirar para a fronte e dar UN PASO ADIANTE, como defende o lema popular focego,
“con proxectos ambiciosos, unha vila ordenada e limpa que precisa un lavado de imaxe
integral, que sexamos capaces de ofrecer moito máis ao cidadán e ao visitante, e sexamos
capaces de potenciar no exterior as nosas virtudes”. Para iso acompañarao un grupo humano no
que confia ao cento por cento e ao que asignará atribucións e responsabilidades que hoxe non teñen
os concelleiros socialistas, cunha importante dedicación ás parroquias, que non está a ser
cuberta na actualidade, co 62% do equipo pertencente ás parroquias.
Así mesmo, o candidato focego manifestou a necesidade de dinamizar o Polígono “con novas
empresas que vexan nos cambios de Foz unha nova alternativa de negocio que xere traballo e
recursos que van recaer directamente no pobo”. “Confío plenamente en que o Plan Impulsa
Lugo presentado hai uns días aquí dinamice A Mariña e por suposto o municipio focego como
realmente merece” declarou Castiñeira