Nota de prensa
Na iniciativa popular se pide que resolva no prazo máximo dun mes as alegacións, que levan un retraso de preto de dous anos, e que comprometa os investimentos necesarios e suficientes para facelo realidade
O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, ESIXIRLLE AO MINISTERIO DE FOMENTO A LICITACIÓN INMEDIATA DO TRAMO DO CORREDOR DA COSTA ENTRE SAN CIPRIÁN E BARREIROS
Para o deputado popular José Manuel Balseiro “o autoproclamado foguete Blanco que supostamente impulsa Galicia convertese na Mariña lucense nun mal petardo pola parálise que supón a súa xestión en estradas e ferrocarril na zona”
“O desprezo do Goberno pode provocar que se rompa A Mariña en dous: mentres que a Xunta está a cumprir co treito da súa competencia que supoñen 85,7 kilómetros entre Ferrol e San Ciprián Fomento é incapaz de facer o propio cos 30 quilómetros da súa competencia”
Santiago de Compostela , 27 de abril de 2011.- O pleno do Parlamento de Galicia aprobou na sesión de hoxe unha iniciativa do PPdeG, que contou cos votos a favor do BNG e en contra do PSOE, na que solicita á Xunta de Galicia dirixirse ao Ministerio de Fomento para axilizar o tramo que lle corresponde do corredor viario entre San Ciprián e Barreiros e que resolva no prazo máximo dun mes as alegacións recibidas fronte ao estudio informativo e o estudio de impacto ambiental. Así mesmo solicita a licitación inmediata do proxecto e, con posterioridade estableza un cronograma de execución concreto, comprometendo os investimentos necesarios e suficientes para facelo realidade.
O deputado popular José Manuel Balseiro, encargado da defensa da iniciativa, recordou que o departamento que dirixe o socialista José Blanco non foi quen de resolver as alegacións rexistradas por distintos concellos, entidades e particulares, despois da exposición pública no mes de xuño de 2009 “o que representa un flagrante incumprimento da lexislación vixente, xa que esta establece que a Dirección Xeral de Estradas do Estado ten un prazo de dous meses, contados a partir de que expire o prazo da información pública, para emitir un informe único”. Dous anos mais tarde “as manobras dilatorias do Goberno socialista central están a privar aos veciños da Mariña lucense dunha infraestructura vital para a vertebración e mellor conexión viaria da comarca”.
A estes inconvintes o deputado popular engade a insuficiente previsión orzamentaria prevista nos Presupostos xerais do Estado, “con partidas mínimas para a execución desta infraestructura que non chegan a executarse”. Así destaca que no 2011 os orzamentos elaborados polo Goberno central destinan a esta obra unha cantidade totalmente insuficiente para levar adiante os trámites administrativos e as obras “e ademais sendo unha cantidade que probablemente tampouco se executará”.
Para o deputado popular “o autoproclamado foguete Blanco que supostamente impulsa Galicia convertese na Mariña lucense nun mal petardo pola parálise que supón a súa xestión en estradas e ferrocarril na zona”. Así recordou que “paralizou varios treitos da Autovía do Cantábrico, condena a comarca a dispoñer dun tren obsoleto ou mantén nun estado moi deficiente as estradas nacionais que son da súa estricta titularidade”.
Segundo Balseiro “o desprezo do Goberno pode provocar que se rompa A Mariña en dous: mentres que a Xunta está a cumprir co treito da súa competencia que supoñen 85,7 kilómetros entre Ferrol e San Ciprián Fomento é incapaz de facer o propio cos 30 quilómetros da súa competencia”. E o Ministerio “aínda non foi quen nin tan sequera de marcar nun mapa por onde irá o trazado definitivo desta vía tras gardar nun caixón durante 5 anos o estudio informativo entre San Ciprián e Barreiros o que contrasta co compromiso e o traballo desenvolvido pola Xunta nos treitos de titularidade autonómica e só o investimento do goberno que preside Alberto Núñez Feijoo no tocante aos treitos lucenses xa superan os 30 millóns de euros, o que multiplica por dez as previsións orzamentarias do Goberno do Estado”.
O deputado popular criticou na súa intervención que “PSOE e BNG nin tan sequera son capaces de poñerse de acordo nas súas emendas e xa votaron en sentido distinto nos concellos da Mariña nos que se debateu esta proposta”. Balseiro indicou estes partidos da oposición que formaban parte do goberno bipartito “foron os responsables de suspender a tramitación de varios tramos de competencia autonómica e foron incapaces de executar o orzamento previsto para esta infraestructura”. Para Balseiro “fixo falla un goberno do PP para que se iniciaran as obras do corredor nos treitos lucenses de competencia autonómica, e fará falla un novo goberno do PP na Moncloa para que as obras sexan realidade no treito estatal”.
Jose Manuel Balseiro lamentou que os socialistas non se sumaran ao acordo en defensa desta infraestrutura esencial para a comunicación da Mariña lucense e sinalou a posición contraditoria que esta formación política –o PSOE- mantivo nos distintos concellos desta comarca no momento de debatir unha moción municipal do PP co mesmo sentido que a tratada no Parlamento. Mentres que en Foz e Barreiros votaban a favor, en Burela o PSOE votaba en contra e en Cervo decidía absterse. O BNG finalmente decidiu apoiar a iniciativa do Grupo Popular sumándose así ao acordo parlamentario.