Nota de prensa:
O CENTRAD ensina a construír un hórreo de varas nun obradoiro que imparte esta semana
– O artesán Carlos Fontales é o encargado de ofrecer as clases, que se desenvolverán hasta o venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00
– A inscrición nas xornadas formativas programadas polo centro de artesanía da Deputación para a primavera pode facerse nas súas propias instalacións ou na web
www.centrad.org
O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) imparte esta semana un obradoiro que ensina como construír un hórreo tradicional galego de varas, unha das tres tipoloxías básicas desta construción típica do rural, que se caracteriza por ser de reducidas dimensións e facerse con materiais vexetais. O artesán Carlos Fontales ocúpase de impartilas clases, que se desenvolverán hasta este venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00. Os alumnos do obradoiro, para o que se cubriron as prazas dispoñibles, farán todo o proceso de construción dun hórreo de varas.
Esta semana tamén comeza outra xornada formativa, enmarcada como a anterior na programación de primavera do CENTRAD, neste caso sobre artes do libro. En concreto, céntrase nas técnicas de rotulado e decoración con pan de ouro sobre a pel. Empeza o venres e continuará hasta o domingo, de 16:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas, os outros dous. J.A. Fernández Argenta é o profesor. Por outra banda, continúa o curso fabricación de esmaltes ao lume e o uso desta técnica na confección de pendentes de prata e cobre, iniciado a pasada semana e que rematará este domingo. Miguel Caamaño é o artesán de xoiaría que as ofrece, en horario de 17:00 a 21:00 o xoves e o venres, e de 17:00 a 21:00, os sábados e domingos.
O prazo de solicitude de prazas nos cursos de primavera do centro de artesanía da Deputación segue aberto e poderase facer ata cinco días antes do inicio de cada obradoiro nas súas propias instalacións ou ben a través da páxina web www.centrad.org Aínda que na maioría dos casos a cota de prazas establecida xa está cuberta e incluso nalgúns hai lista de espera, en 10 dos 31 obradoiros programados quedan vacantes. Son os seguintes: “Cestaría de láminas de madeira. Patelas para o peixe”; “Cestaría de Palla. Sancosmeiro de Noia”; “Técnicas de Macramé aplicadas á cestaría”; “Cestaría de Palla cobre cartón”; “Engaste de pedras”; “Deseño de espazos/Deseño de Stands” (para artesáns profesionais); “Restauración de mobles”; “Pinturas vítreas. Elaboración de obxectos de vidro”; “Escultura en vidro” e “Pedra e Ornamentación”.
Entre as xornadas predominan as de cestaría e xoiaría, pero incorpóranse novidades como os cursos de fabricación de cerámica coa técnica “Raku occidental”, deseño de espazos de exposición, fotografía dixital, fabricación de papel e talla de pedra. Polo demais, tamén haberá obradoiros de téxtil, restauración de mobles e elaboración de pezas de vidro.
Por outra banda, continúan as clases de dous dos obradoiros correspondentes á programación de inverno. Trátase de “O torno na escultura”, que remata o 30 de maio, e as xornadas de olería de Bonxe, que se desenvolven no taller de Josefa Lombao e seguirán hasta o 1 de xuño.
Obradoiros en Burela, Vilalba e Riotorto
A programación de obradoiros portátiles que ofrece o CENTRAD nos centros de ensinanza da provincia inclúe esta semana sesións de encadernación de libros no colexio Vista Alegre de Burela; de fabricación de pel, no CEIP Monseivane de Moreda de Vilalba, e de monicreques no colexio de Riotorto.