Nota de prensa
O CONSELLEIRO CONFIRMOU QUE CANGAS DISPORÁ DE BEIRARRÚAS AO LONGO DA ESTRADA QUE VAI A FERREIRA.
Foz, 29/04/11.- O candidato do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, confirmou onte en Santiago de Compostela co conselleiro de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a elaboración do proxecto co que a Xunta de Galicia dotará de beirarrúas a estrada de Cangas a Ferreira, dende a ponte ata Vilamor, para mellorar a seguridade viaria.
A medida da consellería responde á solicitude feita polos populares focegos, que puxeron en coñecemento do seu responsable a necesidade dunha infraestrutura moi demandada na parroquia, posto que é unha reivindicación dos propios veciños de Cangas dende hai anos. A parroquia, que é a segunda en poboación do concello focego por detrás do núcleo urbano, con preto de 1.000 habitantes, sufriu un gran crecemento nestes últimos anos, que non foi correspondido coa dotación de investimentos necesarios para dar servizo a tantos veciños.
A confirmación de que o proxecto está en curso e que unha vez rematado se procederá inmediatamente á súa próxima licitación e contratación por parte da Administración galega satisfai os populares focegos, posto que se trata dun compromiso serio e real que supón un importante esforzo por mellorar a calidade de vida dos veciños de Cangas nuns tempos difíciles.
A devandita intervención desenvolverase paralelamente á que actualmente se está a executar no citado tramo, onde a Consellería de Infraestruturas tamén está mellorando o firme e a sinalización da mesma vía, unha obra de vital importancia posto que une a zona interior e a costa da Mariña Central, cunha notoria intensidade tráfico que destaca a necesidade destas beirarrúas que garantirán a seguridade dos viandantes e veciños de Cangas.