Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentou a candidatura de Mondoñedo, onde espera revalidar a alcaldía

Nota de prensa

GUILLERME DI EN MONDOÑEDO QUE O PP “NIN TEN SOLUCIÓN PARA O PARO, NIN PARA A CRISE QUE SUFRE O MEDIO RURAL”

Orlando González salienta a boa xestión feita nestes catro anos e asegura que o BNG “é a única forza que garante que Mondoñedo siga avanzando, fronte a unha dereita unicamente preocupada polos seus intereses persoais e non polos dos veciños e veciñas”

Mondoñedo, 9 Abril 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta noite na presentación da candidatura de Mondoñedo, onde o BNG aspira a revalidar a alcaldía da man de Orlando González.

O acto celebrouse no Restaurante Montero, coa presenza de numerosos veciños e veciñas de Mondoñedo.

Neste contexto, o líder nacionalista afirmou de xeito rotundo que o PP “non ten solución para o desemprego nin para a crise que padece o noso medio rural” e, neste sentido, defendeu que o autogoberno é un arma útil nesta situación de crise económica que vivimos.

O portavoz nacional botou en cara ao líder do PP que afirme “que non ten competencias para loitar contra o paro ou a crise e tampouco fai nada por elevar o autogoberno do País”, lembrándolle ao presidente da Xunta que ese é o único camiño para ter máis competencias e maior poder de decisión.

Tamén lembrou Guillerme que, como vén denunciando o BNG, o goberno da Xunta deixou case 700 millóns de euros sen executar do orzamento de 2010, destinados a gasto produtivo e apoio aos sectores económicos, “iso despois de dicir que non poden facer nada”.

“O BNG é a alternativa ás políticas de dereitas que nos levaron a esta situación”

Guillerme defendeu o BNG como única alternativa fronte ás políticas de dereita que están a levar adiante PP e PSOE dende o goberno da Xunta e do Estado e indicou que “están ao servizo das grandes corporacións e as persoas non lles importan absolutamente nada. E reafirmamos que é necesario acabar coa ditadura dos mercados que están dando un golpe de estado contra a democracia”.

O voceiro nacionalista, durante a súa intervención denunciou que o PP está a pór as institucións de goberno ao servizo dunha minoría de privilexiados, en vez de se preocupar pola vida da maioría social, que é a que precisa de bos servizos públicos.

Tal e como lembrou Guillerme, diversos responsábeis políticos de PP e PSOE como Felipe González, José María Aznar ou Pedro Solbes “ficharon” por grandes empresas nos últimos anos converténdose nunha sorte “de políticos de ida e volta que van da administración ás empresas e das empresas á administración”.

O líder nacionalista insistiu en que “o que importa son as persoas” e reiterou a importancia da política local, pola súa maior proximidade aos cidadáns, para facer chegar estas propostas alternativas e trasladar a mensaxe de que cun cambio de rumbo nas políticas é posíbel enfrontarse á crise, e puxo como exemplo o protagonismo que poden ter os concellos na promoción de políticas activas de emprego.

Orlando González: “o BNG é a única garantía de que Mondoñedo siga avanzando”

Pola súa parte, o candidato nacionalista á alcaldía de Mondoñedo e actual alcalde, Orlando González, subliñou que “o BNG é a única garantía de que Mondoñedo siga avanzando, fronte a unha dereita que unicamente se preocupa polos seus intereses persoais, pero non polos dos veciños e veciñas”.

Orlando González salientou que a candidatura do BNG “está renovada nun 40%, que combina experiencia e renovación e que aspira a incrementar a representación do BNG na corporación municipal para continuar, se cabe con máis forza, o traballo e o proxecto encetado hai catro anos”.

Neste sentido, puxo en valor que “a pesar da mala situación económica e contábel coa que nos atopamos no concello fomos capaces de levar a cabo boa parte do noso programa electoral, con bos proxectos tanto no ámbito urbano como no rural e cunha xestión intelixente”.

Así, como logros destes catro anos salientou a rehabilitación da igrexa de San Pedro de Alcántara e urbanización do contorno e accesos; a pavimentación e acondicionamento das rúas Leiras Pulpeiro, Xosé María Pardo e Marina Mayoral; a recuperación da contorna da Ponte do Pasatempo; a rehabilitación e restauración da aldea de Vilar e da escola de Curros; a implantación de internet nas parroquias; a mellora da rede viaria e da de saneamento e abastecemento de auga; a creación do centro de interpretación do Camiño Norte; o desbloqueo do parque empresarial; a apertura das covas do Rei Cintolo…..etc.

De igual xeito, o candidato do BNG salientou a aposta do goberno local pola creación de emprego a través de obradoiros de emprego, curso de formación para desempregados, programas de cooperación ou a ampliación de servizo de axuda no fogar ou o programa de participación social das parroquias.

“Este traballo ten que ter continuidade nos próximos anos cun goberno do BNG fortalecido!”, subliñou.

Neste sentido, Orlando González asegurou que “o BNG é a única garantía de que Mondoñedo siga avanzando, fronte a unha dereita sen iniciativa, que non lle preocupa o interese dos veciños e veciñas e que a última hora pretende vender como de todos unha candidatura que só é a suma de intereses particulares”.

Candidatura

1. MANUEL ORLANDO GONZALEZ CRUZ
Médico, veciño de Mondoñedo e actual alcalde.
2. ANXEL DIAZ GARCIA
Empregado de Alcoa, veciño da parroquia do Carme e actual
concelleiro de Obras e Medio Rural.
3. XUSTO MARIA FERNANDEZ HARO
Autónomo, veciño de Mondoñedo e actual concelleiro de Cultura,
Deportes, Patrimonio e políticas de rehabilitación na ARI de
Mondoñedo.
4. ELENA FREIRE CASTRO
Empregada, presidenta do Orfeón da Sociedade de Obreiros e
veciña de Mondoñedo.
5. MARIA ESMERALDA IRIMIA BALSEIRO
Técnica en transporte sanitario do 061 de Mondoñedo e veciña de
Masma.
6. ANA ISABEL BARREIRA BOTANA
Coidadora do Hospital de San Pablo e veciña de Estelo.
7. VITOR VILA LOPEZ
Enfermeiro do centro de saude de Mondoñedo, veciño do Coto da
Recadieira e actual concelleiro de Turismo, Industria e Comercio.
8. ELOI CABANAS RAMOS
Traballador do servizo de prevención e defensa contra incendios
forestais da Xunta de Galiza, e veciño de Vilamor.
9. MARIA CARME MASEDA DIAZ
Auxiliar de enfermería do Hospital da Costa e veciña de Viñas da
Veiga.
10. XOSE CHAO VEGA
Técnico de mantemento, coportavoz da plataforma Furapresas e
veciño de Mondoñedo.
11. XULIO RODRIGUEZ BERMUDEZ
Labrego do sector hortícola e veciño de Seivane.
S1. XOAN CARLOS BOUSO CARBALLEIRA
Funcionario e veciño de Santa María Maior.
S2. MARIA XESUS PEREZ ALVAREZ
Empregada e veciña do barrio de Os Muiños.
S3. MARIA AMANDINA SALGUEIRO CASTRO
Empresaria e veciña do barrio de Os Muiños

Exit mobile version