Nota de prensa
Basanta do Asilo
O BNG esixe a Xunta unha solución para o Asilo de Foz.
O Portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Xoán Carlos González Basanta, saíu ao paso da información sobre a negativa da Xunta de Galiza de concertar prazas de residentes no asilo de Foz así como a obrigación de trasladar a varios residentes da mesma ao Xeriátrico de Viveiro o que definiu como “unha nova negativa e unha afronta máis ao noso Concello”.
Segundo Basanta “ a decisión da Xunta de afogar economicamente o asilo de Foz, implica varios aspectos negativos, que non queremos deixar pasar por alto. Primeiro, porque sempre é negativo separar aos residentes do seu núcleo familiar e no caso do asilo de Foz, moitos deles son veciños e teñen os seus familiares no noso Concello. Segundo, porque a reducción de residentes vai en detrimento do número de empregos que xenera o asilo e por conseguinte pode significar a perda de postos de traballo por conveciños nosos. E en terceiro lugar porque a reducción de residentes pon en risco a propia continuidade do centro, un centro que foi construído polos veciños de Foz e no que nos últimos anos s investiron importantes sumas de diñeiro para adaptalo a normativa, que a Xunta establece para este tipo de centros”. “A Xunta de Galiza non pode ficar calada e débelle unha explicación aos veciños de Foz”, afirmou Basanta quen esixiu dos responsábeis da mesma” xa non só que aclaren as razóns desta decisión, senón que expliquen por que é esta unha decisión que só afecta ao centro de Foz e non a outros centros onde existen concertos na comunidade autónoma e tamén, sobre todo isto, que poñan solución riba da mesa. Non é de recibo que xoguen desta maneira cos nosos vellos”.
“Estamos nun tema no que chove sobre mollado”, indicou o nacionalista “posto que ao mesmo tempo que lle quitan a Foz unha dotación comprometida polo bipartito como era o centro de día residencial, posteriormente lla negan ao mesmo tempo que lla comprometen a concellos limítrofes cunha poboación en idade e necesidade de utilizar este tipo de centros moi inferior, agora non contentos con isto, van a polo Asilo, unha dotación que coas súas deficiencias cubría un servicio de prazas cando menos importante para as necesidades do noso Concellos. Os residentes do asilo que poden ser desprazados, as traballadoras que poden perder o seu emprego e o conxunto dos veciños de Foz non nos merecemos un trato como este por parte dos populares”. Basanta incidiu que “esta decisión pon en evidencia que estamos diante do PP de sempre, o PP que ten no maltrato a Foz a súa fixación. Non hai un novo PP en Foz e tan pouco unha política distinta do PP en Foz que non se basee no maltrato aos nosos veciños. A que agarda o PP de Foz para posicionarse contra esta medida do seu partido no ámbito autonómico?. Ou será que os candidatos do PP non son máis que uns mandadiños nas maos deses mesmos que levan dirixindo o PP en Foz nos últimos quince anos e que agora queren cometer cos nosos maiores a mesma felonía que cometeron cando lle negaron as urxencias aos focegos?. Agardamos canda menos que se posicionen con absoluta rotundidade contra esta medida no caso contrario, isto é, que de dar por bo esta decisión teremos que pensar que aos membros desta candidatura non os move o interese xeral”.
Xa por último o Portavoz do BNG afirmou en relación diante da denuncia do PP sobre uns valados colocados polo BNG de Foz cuxa retirada ordenou a Xunta Electoral “que acatamos a decisión da mesma aínda que non a compartimos posto que as reivindicacións que alí plantexamos non teñen a ver coa campaña electoral senón coa actividade ordinaria da nosa organización e co afán de divulgar as nosa propostas. Aínda así non parece o PP a forza política máis indicada para dar leccións de ética a ninguén e desde logo que esta denuncia responde a intención de silenciar algunhas das nosas propostas, particularmente aquelas que mellor o retratan en Foz como é a súa posición sobre as urxencias, ou o centro residencial de día”.