Nota de prensa:
A Asemblea Local do BNG de Xove aprobou un programa electoral “realista e innovador”
O Bloque Nacionalista Galego aprobou hoxe o programa electoral co que se presentarán ás vindeiras eleccións do 22 de maio. Marco López asegurou que o programa co que concurrirán aos comicios será “realista”, por estar suxeito ao orzamento estimado para o Concello de Xove para os vindeiros anos, e “innovador”, por amosar unha alternativa real de goberno que supere o “inmobilismo actual” e a “ausencia de ideas do goberno municipal no eido social e do desemprego”.
O candidato á alcaldía xovense anunciou que os primeiros en coñecer polo miúdo o programa do Bloque serán os propios veciños de Xove e anunciou que as súas ideas de goberno serán ambiciosas no eido do emprego, a conciliación familiar, as infraestruturas e as axudas directas ao estudantado e ao comercio de proximidade.
Asemade, Marco López anunciou que será esixente coas demais administracións en temas trascendentais para a poboación xovense como no caso do desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca ou no desleixo coa construción de vivenda protexida para a xente moza.