Nota de prensa:
As promesas baleiras do PP
Desde o BNG de Xove aseguraron estar agardando por “unha pouca modestia” dos populares nas súas actuacións públicas tras os múltiples incumprimentos das “promesiñas” políticas do PP, dado que os veciños merecen un respecto e comezan a estar cansos de tanto “prometo, prometo, prometo”. “Os veciños queren feitos, non fotos”, asegurou Marco López.
O candidato da formación nacionalista á alcaldía enumerou como exemplos de incumprimento do PP a nivel local: lograr que Xove sexa un referente en crecemento económico e industrial, a promesa de realizar unha auditoría de todo o Concello, a extensión da rede de saneamento a todas as parroquias, a apertura de novas rúas (en plural), a ampliación do Polígono de Camba, a creación do Cinto Industrial de Alcoa, a construción de vivendas de protección oficial para a xente nova, o desleixo coa Vía de Alta Capacidade, o anunciado Plan de Choque para combater os problemas laborais e de desemprego ou a eterna tramitación do PXOM.
Ademais, e grazas á xestión do “goberno amigo” na Xunta, teremos que pagar un “canon da auga”, 250.000 galegos e galegas están no paro, máis de cen pequenos negocios pechan cada mes, desapareceron un milleiro de explotacións gandeiras, subiuse o prezo dos libros de texto, os servizos sociais privatízanse e aumentaron perigosamente as listaxes de espera da sanidade.