Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz iniciou a campaña “Foz merece máis”, complemento da anterior campaña de denuncia “Foz non se merece isto”

Nota de prensa

O BNG DE FOZ REALIZA UNHA CAMPAÑA SOCIAL CO LEMA FOZ MERECE MÁIS

Foz, 12 de abril de 2011.- O BNG de Foz iniciou esta semana a súa campaña “Foz merece máis”. Esta campaña é un complemento da anterior campaña de denuncia “Foz non se merece isto” onde os nacionalistas poñían en evidencia o abandono do Concello de Foz tanto por parte do goberno municipal como do goberno da Xunta.

Agora, a campaña consiste en divulgar as necesidades que o Concello de Foz ten nestes momentos, incidindo na obriga de todos os partidos políticos en facer unha fronte común para lograr facelas realidade. Como di o seu portavoz municipal e candidato ás próximas eleccións polo BNG, Xan Carlos González Basanta: “o que queremos con esta campaña é poñer enriba da mesa as verdadeiras necesidades de Foz, buscando o consenso cos demais grupos políticos. Para conseguilas, debemos deixar á parte as diferencias ideolóxicas e as descualificacións persoais e remar na mesma dirección. Estamos certos que todos queremos o mellor para Foz”.

Dentro destas ideas adquiren gran importancia a dotación de servizos sociais, sanitarios e educativos como son a Residencia de Terceira Idade, o Centro de Día, o Servizo de Urxencias ou a ampliación da Galescola. Referido a isto, o portavoz nacionalista afirmou que “non é de recibo que mentres outros pobos teñen xa estes servizos ou están a punto de telos, en Foz aínda e a pesar da súa maior identidade non se albisque unha pronta implantación”. Referíndose á Residencia e ao Centro de Día só falta a decisión da Xunta posto que os terreos xa están cedidos; respecto ao servizo de urxencias non hai máis que recordar que todos os partidos políticos estivemos de acordo en apoiar esta reivindicación e en implantalo unha vez gobernaramos na Xunta e sobre ampliar a Galescola parécenos que hai suficiente demanda para abrir máis unidades e así lograr que ningún pai ou nai quede sen poder ter aos seus fillos ou fillas na mesma.

O BNG pretende así mesmo que os veciños e veciñas participen e se involucren na campaña, aportando outras ideas que completen as propostas pola organización política. “Non queremos que o futuro de Foz sexa deseñado só polos partidos políticos senón que sexa unha cousa de todos”, declarou Basanta. Para iso, repartiranse unhas tarxetas onde se poderá expoñer por parte da veciñanza todo aquilo que se queira para mellorar Foz e que logo poderase enviar ou deixar no local do BNG.

Exit mobile version