Nota de prensa
O BNG de Foz aprobará unha bases de contratación transparentes e que respecte a equidade
Basanta declara que “é hora de gobernar para todos igual”
Foz a 30 de abril de 2011.- O candidato á alcaldía de Foz do Bloque Nacionalista Galego, Xan Carlos González Basanta, saíu novamente á palestra para asegurar que un goberno nacionalista será o único garante da equidade e da legalidade en materia de contratación no Concello de Foz.
En primeiro lugar, referíndose ás contratacións de persoal, o BNG porá en marcha unhas bases de selección de persoal que valoren a capacidade e os méritos dos aspirantes, que sexan obxectivas e transparentes e non unhas bases que estean feitas á medida. Na lexislatura pasada, estando de alcalde Xosé María García Rivera e de tenente alcalde Xaime Cancio, as bases cambiaban a capricho non adaptándose en moitos casos a titulación á praza ofertada ou variando a puntuación e os criterios segundo conviña. O mesmo pasaba coa deficiente publicidade das ofertas de emprego, motivo polo que moitas persoas non se enteraban ata o último momento ou se lles pasaba o prazo. Isto ten que rematar e o BNG é o único garante de que o cambio se produza posto que os demais xa demostraron que non tiveron ningunha vontade de facelo. Desta maneira, Basanta afirmou que “no BNG temos claro que todo o mundo ten os mesmos dereitos e a presentarse en igualdade de condicións cando se trata de ofertas públicas de emprego e a administración local debe ser escrupulosa no respecto a legalidade e dar as mesmas posibilidades a todo o mundo”.
O mesmo ocorre coas contratacións de obras e de servizos. O BNG desde o goberno sacará a concurso público con publicidade todas as obras e servizos que realice ou contrate o Concello de Foz. Pola contra, a fórmula que foi a máis usada nesta lexislatura polo actual grupo de goberno, liderado por Xosé María Rivera e Xaime Cancio, foi a contratación negociada sen publicidade e en ocasións a contratación directa –como no caso das orquestras do San Lourenzo-, vulnerando en moitos casos os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade nas contratacións e levándose a maioría dos contratos sempre as mesmas empresas.
Para o BNG isto a rematar a partir do próximo 22 de maio porque o BNG volverá a restablecer o concurso público con publicidade como a fórmula habitual de contratación de obras e servizos no Concello de Foz por ser a máis xusta e democrática, onde se poden presentar todas as empresas ou persoas que queiran cunhas bases que son coñecidas de antemán e coas mesmas condicións para todos. Ademais de que se coidará a conciencia de que todos os contratos e as concesións sigan os procedementos legais e cumpran con todos os requisitos. Polo tanto, hai alternativa aos sistemas de contratación ata agora practicados neste concello e esta alternativa pasa por estar no goberno o BNG.