Nota de prensa
O BNG de Foz aposta pola xestión pública dos servizos municipais cando goberne
Basanta declara que “nesta lexislatura o PP e o PSOE votaron xuntos para privatizar todos os servizos públicos”
Foz a 27 de abril de 2011.- Os membros da candidatura do Bloque Nacionalista Galego mantiveron unha xuntanza na xornada de onte onde someteron a debate as liñas mestras da proposta nacionalista para o Concello de Foz que xirará arredor do desenvolvemento económico e a creación de emprego, a mellora das prestacións e dos servicios sociais así como a democratización do Concello.
Neste sentido, o candidato nacionalista afirmou que o BNG é o único partido que cre na xestión pública dos servizos municipais e adiantou que levaran no seu programa a revisión das concesións a empresas privadas dos servizos públicos, como o da piscina, o mantemento do alumeado público, o da xestión da auga ou da axuda do fogar a dependentes, e un maior control da xestión realizada por estas. A intención final destas revisións será o rescate de ditas concesións para que volten a mans públicas. Neste sentido dicir que a concesión do servizo de augas, privatizado no seu día por populares e socialistas, demostrouse como un negocio ruinoso para os veciños de Foz. Primeiramente, porque non significou ningunha mellora no servicio e no estado da rede, pola contra a ninguén en Foz se lle escapa o estado rede, unha rede que no esencial segue sendo a mesma que a de finais dos setenta e dos primeiros oitenta, o que provoca problemas ano si e ano tamén segundo como veña a auga da choiva. Segundo, porque o sistema de depuración a marxe de ser absolutamente insuficiente para atender as necesidades do Concello nos meses de verán é unha evidencia que non funciona, até o punto de que non podemos falar en Foz de que contemos cunha rede de depuración. E en terceiro lugar, porque a contabilidade local demostra liquidación presupostaria tras liquidación presupostaria que a xestión privada da auga suponlle ao Concello un gasto anual de case 500.000 euros sen estar debidamente xustificado”.
Outro tanto ocorre coa xestión do mantemento do alumeado público que encareceu enormemente o gasto sen que se notase unha melloría no funcionamento do alumeado público. Todo o contrario, un maior descontrol no seu funcionamento (quedando días apagados ou alumando de día), menor coidado no seu mantemento e máis caro.
Na mesma liña o candidato nacionalista indicou que desde o BNG “tratarán que a axuda a domicilio volte outra vez a mans públicas e que a mesma se preste gratuitamente como xa se fai noutros Concellos, mellorando o seu funcionamento. Nesta lexislatura, o socio de goberno de Rivera, isto é o PP, apoiou ao goberno local para entregar ao negocio privado un servicio tan fundamental para os nosos maiores. As consecuencias non poden ser máis desastrosas na medida en que se encareceu moito o servizo cunha suba dun 50%, o que deixou a persoas do Concello sen poder acceder ao mesmo”.