O BNG DE CERVO PRESENTA A CANDIDATURA PARA AS M-2011 CON SEIS NOVAS INCORPORACIÓNS NOS ONCE PRIMEIROS POSTOS DA LISTA
Orientan a súa proposta política á creación de emprego, recuperar poboación, humanizar o concello e aproveitar as potencialidades e recursos propios de Cervo como ferramenta para mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Consideran que o PP esgotou o seu proxecto e non ten ideas nin imaxinación, limitándose á inercia, ao continuísmo e sen deseño do modelo de concello que quere para os vindeiros anos.
Cervo, 11 de abril de 2011. O BNG de Cervo fixo públicos os once primeiros postos da candidatura que concorrerá aos vindeiros comicios municipais, incorporando seis persoas novas nestes once postos, catro das cales nunca formaran parte da candidatura nacionalista cervense. Os nacionalistas presentan nestes once postos cinco mulleres e seis homes que combinan experiencia, compromiso e ilusión sobrada para trasladar aos veciños e veciñas de Cervo a quen convidan saír da inercia e o continuísmo no que está asentado o goberno do PP. O BNG, nun contexto de difícil situación económica, aposta por aproveitar os recursos e potencialidades dos que dispón o concello para deseñar un proxecto que teña como principios fundamentais a xeración de emprego, o benestar social, a recuperación da poboación perdida nos últimos anos, a participación e colaboración coa sociedade no deseño dun concello que partindo da súa propia historia saiba aproveitala como alicerce de futuro.
O BNG presenta unha lista paritaria e renovada nun corenta por cento
A Asemblea local do BNG cervense aprobou o pasado xoves a candidatura que concorrerá ás eleccións municipais do 22 de maio. Encabeza os once primeiros postos o actual concelleiro, Xoán Antón Estúa García, no segundo posto, Ramón Luís Bernardo Insua, traballador nunha empresa de seguridade e actual responsábel local da formación, en terceiro posto Irene García Abad de San Cibrao , bióloga e traballadora da empresa de acuicultura Alrogal, en cuarto posto, Xerardo López Enríquez de Sargadelos, Director do Colexio Público de Cervo, en quinto lugar Mª Xosé Prado Viamonte, traballadora da Cerámica de Sargadelos e delegada sindical da CIG nesta empresa, en sexto lugar Iván Sánchez Rodríguez de San Cibrao, traballador de ALCOA, en sétimo lugar Mª Luísa Pérez Gomez da Parroquia de Rúa, traballadora do SERGAS, en oitavo lugar Xosé Pérez Saa de Vilaestrofe, traballador de ALCOA, en noveno lugar, Rosa Otero Lamparte da Senra, extraballadora da Cerámica de Sargadelos, en décimo lugar Rogelio Bolaño Piquín do Castelo, gandeiro, e pecha estes primeiros once postos Beatriz García Riola da Urbanización Río Covo, ama de casa. Completan a lista Gloria Méndez Linares de Río Covo, profesora do I.E.S. Marques de Sargadelos, Manuel Del Río Lopez, traballador de ALCOA e Belen Quintela Yañez, traballadora do SERGAS.
A Casa do Concello ten que deixar de confundirse coa sede do Partido Popular
O BNG aspira a cambiar o goberno municipal de cervo para que a Casa do Concello deixe de confundirse coa sede do Partido Popular e usarse como ariete partidista e provedora de beneficios para parentes e achegados do grupo de goberno. Os nacionalistas consideran que o PP esgotou o seu proxecto e non ten iniciativa, limitándose ao continuísmo e sen alterativas nin un proxecto de futuro para o noso concello que dende a súa chegada ao goberno leva perdido preto de 500 habitantes. Os nacionalistas afirman que co Partido popular sobra quen cobre e un permanente estado de crispación e oposición contra todos aqueles grupos, entidades e institucións que non son o Partido Popular.