Nota de prensa
O BNG CRITICOU POR EXCESIVO O GASTO EN PROPAGANDA E PROTOCOLO DO GOBERNO MUNICIPAL
Os nacionalistas denuncian que entre o pleno de xaneiro e o desta semana as ordes de pago por resolucións da alcaldía nestes conceptos suman mais de 43.000 euros.
Estúa anuncia que o BNG recortará ate o imprescindíbel este tipo de gastos.
Cervo, 23 de abril de 2011. O BNG criticou por excesivo o gasto en propaganda e protocolo do goberno municipal que suma, segundo as contas dos nacionalistas, mais de 43.000 euros pagados por resolución da alcaldía do que se informou á corporación nos plenos celebrados o pasado mes de xaneiro e o do luns próximo. Para o BNG non é de recibo que nun contexto económico como o actual, o goberno local siga instalado no malgasto en propaganda e auto bombo mentres se recortan gastos en cousas mais importantes como a política social ou a educación. Os nacionalistas din que esta cantidade e o dobre do que gasta o concello en entidades deportivas ou culturais nun ano e pon de manifesto que o que se presuposta para os gastos de propaganda ou protocolo anualmente multiplícase segundo as necesidades do PP no goberno municipal.
Os gastos en protocolo e propaganda multiplícanse segundo as necesidades do grupo de goberno
O BNG recoñeceu estar escandalizado polos cuantiosos gastos en protocolo e propaganda do goberno local nos últimos tres meses ao analizar as resolucións da alcaldía para ordenar o pago de facturas das que se deu conta no pleno de xaneiro e o que se celebrará o luns 25 deste mes. O portavoz municipal, Xoán Estúa, acusou a goberno local de “utilizar as arcas municipais para o auto bombo e a propaganda do alcalde e o seu grupo de goberno”. O nacionalista indicou que os orzamentos prorrogados de 2010 “non contemplaban este ritmo de gasto e mentres se argumenta que non hai cartos para outras cousas, para isto si parece haber.”
Os 43.000 euros de tres meses multiplican por dous as axudas concedidas a entidades culturais e deportivas durante un ano.
O BNG sinalou que con este gasto superfluo e imposíbel que o diñeiro chegue para nada e continúen negándose axudas ás entidades sociais que fan un traballo real pola sociedade. Estúa comparou os de 40.456 euros gastados para auto bombo “que multiplican por dous as cantidades recibidas polas entidades culturais e deportivas do concello durante un ano”, para nacionalista así non se pode seguir e reclamou unha vez mais ao alcalde, Alfonso Villares, “que se conteña e deixe de utilizar as arcas públicas para a súa convenencia política”.
O BNG reducirá os gastos en propaganda e protocolo ademais dos informes de empresas exteriores á administración local ao imprescindíbel.
Estúa anunciou que o BNG reduciría estes gastos ao mínimo imprescidíbel. Para o nacionalista “non é propio dun goberno responsábel que conta con persoal municipal capacitado, contratar empresas ou persoas externas para facer traballos que poden facer funcionarios municipais, a non ser que o que se pretenda e darlle de comer aos amigos e achegados”. Os nacionalistas criticaron así a política orzamentaria do PP, “por ser todo o contrario do que predican”.