Nota de prensa
Burela, 29 de abril de 2011. O alcalde de Burela, Alfredo LLano, subliñou que na primeira semana do mes de maio poderían estar listas as bases de contratación para o Grumir. Llano sinalou que “Burela contará con 12 persoas neste grupo máis tres estables que xa están agora traballando. Nos últimos anos nos vimos contratando a esta xente a partires do mes de xuño, porque antes daban unha subvención para nove meses e agora ven sendo para seis meses e medio. E para aproveitar ao máximo posible o seu traballo no verán contratámolos en xuño, así contamos con eles para as festas, para as incidencias que puideran xurdir nas praias, nos incendios, nos accidentes de tráfico… hai moito máis traballo no verán e por iso empezan a súa labor en xuño e rematan o 31 de decembro, aproximadamente”.
O rexedor puntualizou que “ésta é unha estratexia de contratación que temos porque consideramos que deben estar concentrados nesa franxa do ano xa que é cando máis traballo teñen. É certo que os poderíamos ter contrato antes, pero no noso caso non ten sentido porque este ano xa temos contratados desde o 1 de marzo 8 persoas que están adscritas a Protección Civil, ese servizo agora está perfectamente atendido e non considerábamos que fose necesario adiantar a contratación das persoas que formarán parte do Grumir. Existen por aí unhas críticas que non están moi fundamentadas e o único que debemos é prestar un servizo que sexa efectivo”.