Non aprenden
Chama a atención esta reacción de Feijoo, pois cando outros persoeiros da política española ousaron empregar o termo “gallego” con connotacións pexorativas o actual presidente da Xunta reaccionou con contundencia. Por que non agora? Porque foi o señor Aznar quen o fixo? De novo se axeonlla o PP(deG?) ante o líder da FAES? Fai o mesmo cando Aznar proclama a can e gato que hai que rematar coas autonomías? Ou cando afirma que hai que privatizar as tv autonómicas? Ou cando defende que a única lingua verdadeiramente importante é o castelán?
Cando a señora Magdalena Álvarez, colmo de despropósitos para Galiza no Ministerio de Fomento, foi criticada rindo a conta do seu falar andaluz (e por moitos do PP tamén), o señor Javier Arenas petou forte na mesa e proclamou a quen quixera oír que ninguén se ía meter coa súa paisana polos seus falares; con Andalucía ninguén ía xogar. Quen quixera que criticara a ineficacia da señora Álvarez, el o primeiro, pero non a súa condición de andaluza.
Señor Aznar, se non lle serve Rajoy como líder da dereita española critíqueo canto queira, mova “dedo” no seo do seu partido. Pero non o faga a conta dos galegos e galegas. E vostede señor Feijoo, non dea mostras de tanto oportunismo nin covardía política. Defenda a súa condición de galego sempre, non só cando lle conveña para atacar a outros adversarios políticos na súa carreira cara á Moncloa.
Farruco GRAÑA