Nota de prensa
Innova Empresa asesorou a 90 emprendedores para a posta en marcha dun negocio
– Coa axuda do centro da Deputación estanse xestionando proxectos como a creación dun parque infantil innovador ou unha iniciativa para potenciar o comercio exterior e a promoción turística da Ribeira Sacra
– A gran maioría, un 90%, pretendía darse de alta como autónomo e as propostas formuladas tiveron que ver sobre todo cos sectores tecnolóxico e agroalimentario
– Innova Empresa difundirá as vantaxes da incorporación das TIC a un negocio con obradoiros en empresas que deron este paso con éxito. O primeiro deles tivo lugar este xoves en Porto de Celeiro, exemplo de innovación no sector pesqueiro
Coa axuda de Innova Empresa estanse xestionando, entre outros proxectos, varios de carácter educativo que incorporan as novas tecnoloxías como elemento diferencial, a creación dun parque infantil innovador, unha iniciativa sobre comercio exterior e promoción turística da Ribeira Sacra, e negocios de hostalería e de transporte de mercadorías por estrada. Por outra banda, o centro está prestando un importante apoio ós empresarios que desexan presentar unha proposta para acollerse ás axudas do Plan Avanza 2, co que o Ministerio de Industria pretende impulsar as novas tecnoloxías. Entre as iniciativas plantexadas por empresas lucenses neste ámbito figuran proxectos relacionados cos servizos sociais.
Os emprendedores que acudiron a Innova Empresa foron na maioría, un 57%, da capital lucense, aínda que tamén procedían doutros municipios da provincia (como Viveiro, Chantada e Begonte) e incluso de cidades de fóra. O 49% das consultas fíxose por teléfono, o 36% de forma presencial e o 14%, por correo electrónico.
Trece empresas participantes
Na actividade participaron trece firmas de toda a xeografía lucense e de diversos sectores económicos, que coñeceron polo miúdo todas as innovacións que fixeron do Grupo Porto de Celeiro un referente nacional no sector pesqueiro. O Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, recibiu nas instalacións da firma ós asistentes e participou con eles na visita guiada, da que se ocupou o director adxunto da organización empresarial, Eduardo Míguez.
O Grupo Porto de Celeiro, constituído en 1994 e formado na actualidade por 70 empresas accionistas, foi pioneiro na aplicación de criterios empresariais á xestión dun porto pesqueiro a través da constitución dunha Sociedade Anónima. Nos últimos anos incorporou as novas tecnoloxías ó seu modelo de negocio como soporte para un funcionamento máis áxil e eficiente na xestión do porto e na intermediación de compra venda de peixe, entre outras actividades que desenvolve.
Apoio personalizado ás empresas
Innova Empresa é un servizo que ofrece un asesoramento integral a emprendedores, empresarios e artesáns, de maneira que estes poderán contar con apoio personalizado durante todo o proceso para a posta en marcha de calquera proxecto e tamén formular calquera dúbida en relación coa súa actividade. O horario de atención presencial e por teléfono (982.25.00.10) é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. Tamén se pode contactar a través do correo electrónico: innova-empresa@deputacionlugo.org Conta así mesmo cunha web: www.innova-empresa.es