Nota de prensa
AS RÚAS DE RIBADEO ENCHÉRONSE CO TEATRO DE BUXIGANGA
Ás 21 horas, comezou na praza de San Roque, da man dos 7 grupos mariñaos que participan no programa, unha cadea de representacións que recorreron o centro do concello
Antonio Veiga, asistiu en representación da Área de Cultura da Deputación
RIBADEO, 2 de abril de 2011. A praza de San Roque de Ribadeo foi o lugar de onde arrancou, esta tardiña, a cadea de representacións que ofreceron 6 dos 7 grupos mariñaos que participan en Buxiganga aos numerosos espectadores que se foron sumando ao acto: a Adala (Foz), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz) e Raiolas (Alfoz).
O nacionalista Antonio Veiga, asistiu a este acto en representación da Área de Cultura da Deputación, institución que pon en marcha esta exitosa iniciativa que ten por obxectivo a potenciación do teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social.
Na Mariña, 12 concellos darán acollida ás 29 actuacións que se realizan na comarca. Co programa Buxiganga, todos os grupos lucenses de teatro teñen a posibilidade de aumentar o número de representacións das súas montaxes teatrais.