É certo que nos día de hoxe coa tecnoloxía conseguimos estampas artísticas sorprendentes. É certo que nos permiten observar dimensións plásticas da materia ata agora insospeitada mais pechemos os ollos diante delas e non sentiremos nada. Todas carecen da dimensión humana, fáltalles o aroma do artista, a sublime capacidade de parir ideas polas mans que a traballan. Esta fermosa sensación queda para sempre gravada na alma sobor de todo se cando sendo aínda un neno tiveche-la sorte de atoparte na ensinanza cun mestre da arte con humanidade tal como me ocorriu a min con Don Juan Puchades. Digo D. Juan porque pedagóxicamente namoraba.
A dicir verdade, varios anos antes de matricularme no Instituto San Rosendo de Mondoñedo, e sen saber eu quen el era D. Juan a min xa me conquistara. E foi cunha navalla! Non minto,cunha pequena navalla impartiume unha lección tan suprema que aínda hoxe a levo por bandeira: “ Es una tristeza que en Galicia no sepamos aprovechar los enormes recursos que nos ofrece esta tierra “- explicou mentres pelaba un marmelo dos moitos que o noso marmeleiro sementara no chan, á porta da miña casa , no Reguengo, a onde el se desprazara acompañando ó médico Manuel Bermúdez que nese intre visitaba a un enfermo. Co paso dos anos e observando o presente aínda hoxe penso que redescubrir Mondoñedo é a asignatura pendiente que temos tódolos mindonienses porque vivir só dos recordos obriga a fuxir ós mais novos e o resto miramos ó pobo sempre con bágoas nos ollos.
O aproveitamento daquel desaproveitado marmelo estimulou a producción de ducias de latas dunha crema de ouro doce coa que acompañabamos o queixo na sega, nas mallas,.. chegando a ser o agasallo emblema da casa.
A miña sorpresa foi descubrir ó home da navalla colocando un xarrón con flores nun taburete do Instituto para o exame libre de Debuxo Artístico en primeiro de Bacharelato, e ó ano seguinte reapareceu na perspectiva que as mans do xenial Xosé Vizoso me ensinaran os domingos. Os reencontros anuais convertíronse en habituais cando ingresei no instituto onde aprendín a disfrutar da súa sabedoría,da súa capacidade de convertir o sinxelo en sublime. Lembro os reflexos daqueles cervos asomados ás beiras dun lago ateselado co cal obtivemos premio ó mellor mosaico a nivel provincial e repetimos ó ano seguinte cunhas coloridas carabelas de madeiras e metal. Con el comprendín que de pouco serve o talento cando non hai dedicación. A súa pedagoxía global, multidisciplinaria, transmitida nun clima cordial que el mesmo creaba coa súa ironía, coa súa ollada amable mentres interpretaba as ideas do alumno para desenrolar a nosa creatividade, facían do mestre Puchades un modelo único de profesor con personalidade.
Recibir o ben merecido título de Fillo Adoptivo de Mondoñedo significa un recoñemento colectivo ó traballo , ó carisma demostrado durante toda unha vida ,unha maneira xusta para que D. Juan Puchades saiba que a súa luz de Valencia acariñounos a alma, tal fose un raio por entre os penedos, abrindo camiños para que viran os nenos outro horizonte, outra esperanza.
Mentres merco unha pequena navalla para irmos pelar xuntos nos marmelos durante moitos anos alá nas ribeiras do Masma só me queda por dicirlle: Parabéns e moitas grazas!
Francisco Piñeiro González