Nota de prensa
ACIA FOZ E COFRADÍA DE PESCADORES ASINAN UN CONVENIO PARA A PROMOCIÓN E EXALTACIÓN DOS PRODUTOS DO MAR.
Foz, 4 de abril de 2011. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos ven de asinar un convenio de colaboración coa Cofradía de Pescadores de Foz para a promoción e exaltación dos produtos do mar nas diferentes xornadas gastronómicas que organice a ACIA ao longo do ano.
O presidente, José Carlos Paleo, destacou “a importancia deste convenio, é a primeira vez que chegamos a un acordo deste tipo e o que pretendemos é potenciar os recursos pesqueiros dos nosos barcos, os de Foz e os doutros portos da comarca”. Foz acollerá xornadas de promoción do polvo, da sardiña, do centolo ou da nécora, “algunhas xa se celebraron noutras ocasións e outras ímolas poñer en marcha por primeira vez”. Paleo engadiu que “tamén seguiremos a potenciar os recursos agrícolas da Mariña coa intención, coma sempre, de dinamizar a nosa vila e o noso importante sector hostaleiro”.
O convenio foi asinado por José Juan Lestegás, presidente da Cofradía de Pescadores de Foz e José Carlos Paleo, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz.