Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausuraron os Encontros de Banda Deseñada do IES Perdouro de Burela coa e entrega de premios

Nota de prensa:
Clausura e entrega de premios dos III Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Na mañá do martes a biblioteca do IES Perdouro de Burela vestiuse de gala para a clausura dos III Encontros de Banda Deseñada da Mariña.

O acto estivo conducido pola profesora María José Andión Fontela, da área de innovación educativa, quen lle deu a palabra en primeiro lugar ao xefe de estudos do centro, Fausto López. Este agradeceu a colaboración das distintas institucións, do profesorado organizador e mais do alumnado que participou e concursou nestes encontros de banda deseñada.

Acto seguido, a tenente-alcalde do concello de Burela, Neves Cando, felicitou o centro educativo e os gañadores do certame de banda deseñada, e fixo votos pola continuidade destes encontros.

A continuación, Ramón Blanco, coordinador do equipo de normalización e dinamización lingüística do Perdouro, fixo públicos os nomes dos galardoados mentres os profesores Marga López Periago e Ricardo Santos Garrido facían entrega dos premios.

Na categoría escolar ata 14 anos, o primeiro premio foi para o traballo Halfy busca amigos, de Sara Fernández García e Itziar García, mentres que o segundo lle correspondeu a Mario e a atracción da morte, de Claudia Arias García e Amor Martínez Rupérez. As catro rapazas son alumnas do CEIP de Nois.

Na categoría escolar ata 18 anos, Amigos orixinais de Tania Díaz Vázquez, alumna do IES Perdouro, obtivo o segundo premio. O xurado declarou deserto o primeiro.

Na categoría aberta, Cristian Fojón Caruncho conseguiu impoñerse coa obra O home que liberou a fraga. A petición dos organizadores, este rapaz ortegano demostrou o seu talento improvisando un debuxo ante o público asistente. O segundo premio foi para Héctor Quintela González, por Bóla # 8.

O punto final púxoo unha divertida exposición do escritor Luís Ramilo, quen glosou a historia e desenvolvemento dos Encontros de Banda Deseñada na Mariña, experiencia novidosa e exitosa que xa está camiño de converterse nun referente indispensable das viñetas galegas.

Exit mobile version