Site icon Crónica3.com A Mariña

Bembrive 4-1 Panificadora del Eo

Nota de prensa:
Bembrive 4-1 Panificadora del Eo

O equipo ribadense non puido prolongar a súa imbatibilidade na quinta xornada consecutiva ao caer derrotado no municipal de Bembrive por 4-1 ante un dos equipos que loita por disputar a competición da Copa Galicia desde a cuarta posición.

As cousas puxéronselles difíciles ás mariñás nos compases iniciais. Apenas transcorrera un minuto e medio, cando a local Andrea inaugurou o marcador e trinta segundos máis tarde Lara conseguiu o 2-0. As de Ribadeo saíran a gañar pero esquecéronse de defender, polo que Martínez intentou reorganizar o descontrol defensivo do seu equipo nun tempo morto. Xurdiu efecto e as ocasións equilibráronse para decantarse uns minutos máis tarde a favor das visitantes, con tiro cruzado de Nuria. O Panificadora dispuxo de claras ocasións por mediación de Marta, Iria e Sabela, sen fortuna na finalización.

Na segunda metade as visitantes continuaron acurralando as locais e encerrándoas na súa propia parcela, pero no minuto 32 Gloria conseguiu o 3-1 e freou as aspiracións das ribadenses. Este gol foi un xerro de auga fría para as de Martínez, que estaban realizando un bo partido, aproximándose con perigo á meta local. A decepción fíxolles irse do partido por uns instantes, momento que aproveitaron as locais para marcar o 4-1, de novo por mediación de Lara.

Non se conformaban as ribadenses e Martínez intentouno pondo a porteira-xogadora durante os catro últimos minutos, aínda que o marcador non se alterou.

Aínda que O Carballiño, rival directo do equipo mariñán pola permanencia, conseguiu os tres puntos ante o pechacancelas e xa descendido Castrelo, o Panificadora mantén unha vantaxe de 7 puntos, máis o gol average, sobre o seu rival a falta de tres xornadas para a finalización.

O vindeiro sábado en Ribadeo (18.00 horas), a escuadra mariñá poderá asegurar matematicamente a permanencia se consegue vencer o Cidade das Burgas, oitavo clasificado con 38 puntos.

Provincial feminina. O Xoula finalizou a tempada na terceira posición, a pesar da derrota na pista do líder, Friol, por 4-0. As mozas ribadenses loitarán por conseguir a Copa, con enfrontamentos e calendario pendentes de concretar.

Provincial masculina. O Ribadeo FS conseguiu unha nova vitoria como local ante o Baralla por 4-1 e mantén a cuarta posición. O vindeiro sábado desprazarase a Sarria para enfrontarse ao Hotel Roma.

Ficha técnica
CDM Bembrive FS: Nati, Lara, Andrea, Adriana e Jennifer, cinco inicial; tamén xogaron Gloria, Paola, Sofía, Noemí e Ana.

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Marta, Toñi, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela, Nuria, Arancha e Vanessa.

Árbitros: Rubén Varela Ortigueira e Débora Sierra Núñez, de Pontevedra. Mostraron cartóns amarelos a Lara, polas locais, e a Fátima, polas visitantes.

Exit mobile version