Nota de prensa
O CONCELLO ORGANIZARÁ POLAS PARROQUIAS XORNADAS INFORMATIVAS SOBRE O CAMBIO DAS TARIFAS ELÉCTRICAS.
Barreiros, 12 de abril de 2011. O Concello organizará polas parroquias xornadas informativas sobre o cambio das tarifas eléctricas. Así o explicou hoxe o alcalde, Alfonso Fuente, despois de “ver o éxito que tivo a desenvolvida o pasado xoves”.
O programa, que levaron adiante o Concello e o Instituto Galego de Consumo, tivo como obxectivo proporcionar aos consumidores información sobre o cambio das tarifas eléctricas e, en especial a TUR (tarifa de último recurso), o bono social e as tarifas de discriminación horaria, así coma as vantaxes de contratación e os requisitos de cada unha delas. Tamén se analizou a forma de facturación das empresas comercializadoras e as reclamacións dos consumidores.
Os encargados de respostar ás preguntas que lles formularon os veciños de Barreiros foron Joaquín Álvarez Domato, técnico do Instituto Galego de Consumo e Andrés Breijo Fuentes, experto en instalacións e facturación eléctrica.
O rexedor dixo tamén que “os interesados que non puideron acudir á xornada da semana pasada poden dirixirse á oficina do consumidor que temos no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro para obter información, pero a nosa intención é organizar ao longo das vindeiras semanas xornadas informativas deste tipo polas parroquias do noso concello”.